www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

A eliminación do Facebook do Concello cóase no debate político
Política • 15/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

AER fala de "operación disco duro" a mans do anterior goberno do PP. O PSOE adianta que están estudando as posibles "responsabilidades persoais ou políticas" que poidan derivar da eliminación do facebook da institución municipal, logo de que a páxina fora borrada por persoal de confianza do anterior goberno de Javier Bas. O BNG ironizaba sobre o tema preguntando se os "populares tiñan previsto pedir un rescate para liberar o facebook".


O primeiro pleno presidido pola alcaldesa Digna Rivas deixaba algúns titulares, como o salario de 45.000 euros que vai percibir a rexedora mantendo así o soldo que cobraba o seu predecesor no cargo. Sobre a mesa quedaba, en cambio, outro dos temas a debate: a creación e retribución dos postos de persoal de confianza, que será negociado entre todos os grupos políticos.


Un debate en torno á creación da figura de coordinador/a de concelleiros que derivou no acontecido co facebook do concello, unha rede social que foi eliminada por parte da persoa que estaba contratada como persoal de confianza polo anterior goberno. Neste sentido, o PSOE anunciaba a través do seu voceiro, Leonardo Cabaleiro que están a estudar as "responsabilidades persoais ou políticas que poidan derivar desta decisión".


Dende o BNG instaban ao PP a que se disculpara polo proceder da que fora secretaria do alcalde e dende AER, Roberto Vilar falaba de "operación disco duro" no concello cando os populares abandonaron a alcaldía.


Un feito que entrou no debate pero que a popular Carmen Amoedo esquivou centrando a súa intervención en criticar aos dous grupos de goberno PSOE-AER a quen acusou de amosar un "comportamento incoherente, porque hai catro anos dicían que este posto de coordinador ou coordinadora de concelleiros tiña que desaparecer e agora xa lles parece ben".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: