www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Xullo de 2019

O BNG de Redondela renuncia a entrar no goberno con PSOE e AER
Política • 5/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os dous concelleiros electos do BNG, Xoán Carlos González e Jessica García non formarán parte do goberno local que encabeza a socialista Digna Rivas e que si contará coa presenza dos tres edís de AER. A decisión do Bloque chega logo dunha Asemblea local na que a maioría dos militantes optaron por exercer o papel de oposición no Concello sabendo que "o noso voto vai condicionar a política local xa que será preciso que o novo goberno negocie con nós para sacar as súas políticas adiante".


Pouco despois de facerse público o pacto de goberno entre PSOE e AER, vimos de coñecer a decisión do BNG quen declina entrar a formar parte do goberno que preside Digna Rivas. O seu responsable local, Anxo Lusquiños confirmou esta decisión "que foi adoptada por maioría na asemblea e que responde a diferentes motivos".


Explica Lusquiños que a suba experimentada polo Bloque nas últimas eleccións, con tan só 150 votos máis, "non nos da a confianza suficiente como para gobernar" ao que engade que "a nosa posición bisagra na oposición pode condicionar en gran medida as políticas que se fagan en Redondela, xa que será preciso que o bipartito PSOE-AER negocie con nós as iniciativas que queiran levar adiante".


Neste sentido apuntan que "non imos regalar o voto" e que de cara ao pleno de constitución da corporación, que se celebrará a vindeira semana, están a espera de coñecer os pormenores sobre o acordo de reparto de áreas, persoal de confianza ou asignacións económicas e o resto de cuestións que teñan acordado PSOE e AER.


Lusquiños envía tamén unha mensaxe a aqueles que critican a postura da súa formación "os mesmos que nos acusaron de ser muleta do PSOE agora critícannos por non entrar no goberno, somos unha organización independente que nos debemos ao que decida a nosa militancia".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: