www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

A Roda dálle unha volta á música popular fuxindo dos estereotipos sexistas
Cultura • 4/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A mítica formación de música tradicional galega chega a nosa bisbarra co proxecto "A Roda da igualdade: ela e eles" acompañados da voz de Najla Shami. Sóbense ao escenario para interpretar os seus temas clásicos logo de revisalos para dar exemplo e amosar que estamos ante un novo imaxinario e un novo discurso: a igualdade. O concerto será este domingo ás 23:00 horas na parroquia de Moscoso en Pazos de Borbén.


O machismo está presente en todos e canda un dos ámbitos da sociedade, tamén na música. Non só no reggeton máis actual, senón tamén en cancións tradicionais e coplas populares que están cargadas de estereotipos cara as mulleres. Temas que se cantaban na taberna, interpretadas por homes e dirixidos a un público principalmente masculino, que forman parte xa do noso imaxinario colectivo.


Co tempo, estas coplas integráronse tamén no repertorio de diferentes grupos musicais como o mítico A Roda, que sen abandonar s súas orixes reinvéntanse dándolle unha volta a esas letras para eliminar esa carga machista que non ten razón de ser na sociedade actual.


Alfredo Dourado, un dos integrantes de A Roda, explica que esta decisión foi algo natural na formación porque "é obrigado que se faga este nova lectura dende os grupos de música que somos tamén transmisores de valores culturais e que non debemos vivir a marxe dunha sociedade que camiña cara a igualdade". Unha iniciativa que entende máis que necesaria nestes tempos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: