www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 23 de Agosto de 2019

Persoal de confianza do goberno saínte de Javier Bas elimina o facebook do Concello de Redondela
Política • 1/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Polémica nas redes logo de que desaparecera o facebook que dende o Concello de Redondela se viña empregando nos últimos anos para anunciar e promocionar as diferentes actividades que se realizaban dende a institución municipal.  Logo de que se producira o cambio de goberno, a que fora durante o último mandato secretaria do alcalde, decidiu borrar esta rede social por entender que "como administradora e propietaria, estando dito facebook vinculado a súa persoa" ese era o paso axeitado unha vez que deixaba de traballar para o Concello.


Que as redes sociais son a día de hoxe unha ferramenta fundamental de comunicación, tamén para as institucións públicas, sábeno ben os partidos políticos. De feito, un dos medios para dar a coñecer as actividades, propostas ou medidas que se realizan dende as institucións municipais é a través detas ferramentas. Tamén dende os Concellos adoitan usar diversos medios como a propia páxina web do concello ou as redes sociais das que dispón a institución.


No caso de Redondela foi durante o mandato do anterior goberno do PP cando se puxo en marcha o facebook do Concello. A polémica chega cando, co cambio de goberno e a entrada do PSOE na alcaldía, a persoa que asegura ter creado ese facebook a nome do Concello de Redondela decide eliminalo argumentando que unha vez se desvincula da institución e tendo en conta que "era a administradora e propietaria" decide "dalo de baixa tras asesorarme legalmente". Unha decisión cando menos polémica, xa que se trataría dunha rede social a nome dunha institución pública.


Fontes municipais prefiren non facer declaracións ao respecto, á espera do que lle recomenden os servizos xurídicos que están estudando esta cuestión.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: