www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Xullo de 2019

O BNG critica ao PP por buscar a confrontación veciñal co gallo dos actos relixiosos da Coca
Política • 26/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os nacionalistas aplauden a ausencia da maior parte dos representantes da corporación municipal nas procesións das pasadas festas, onde por primeiras vez o goberno local decidiu non acudir a este acto relixioso en representación do concello. Pola contra, critican a actitude do PP a quen cualifican de "forza incendiaria" por empregar as crenzas persoais para "fomentar un ambiente hostil entre a veciñanza".


A organización nacionalista cualifica de "exemplar como viviron os e as redondeláns a ausencia da Corporación ás manifestacións de carácter relixioso". Pola contra, repudian a actitude "do Partido Popular, quen se amosou como unha forza que emprega as crenzas persoais, para fomentar un ambiente hostil entre a veciñanza".


Afirman que a ausencia aos actos relixiosos de concelleiros e concelleiras das forzas con representación municipal, agás o PP,  "non só foi a expresión dun acordo político, senón que recolleu o sentir da meirande parte da poboación, que vían a asistencia de cargos municipais nestes eventos, como un evidente oportunismo político".


Tildan dende a forza nacionalista, de "incendiaria e irresponsábel" a estratexia marcada dende o Partido Popular, "pretendendo sacar tallada política desta nova situación, que a veciñanza viviu con absoluta normalidade". Aseguran que o PP quedouse só nesta estratexia, rozando o ridículo máis espantoso.


Conclúen afirmando que "con esta iniciativa se tivo en conta a vontade, tanto dos crentes como dos non crentes" e poñen en valor a recepción que se prestou ás Penlas e Danzantes dende o Concello, remarcando o carácter civil deste acto "que verdadeiramente representa aos cargos electos pola vontade da veciñanza".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: