www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Xullo de 2019

A vida submarina protagoniza o mural do IES de Chapela para o programa DepoRúARTE
Sociedade • 21/06/2019
Autor: Ana Prieto

O mural titúlase "Coidando o noso mar" e foi elaborado por alumnos de 1º da ESO coa colaboración do artista "O Ras". Os rapaces consideran "necesario e urxente" que nos sensibilicemos sobre como as nosas accións teñen repercusións directas na natureza.


A vida submarina, baixo o título "Coidando o noso mar", foi o tema que escolleu o alumnado de 1º da ESO do IES de Chapela, en Redondela, para participar na edición 2019 do programa DepoRúARTE "Pintando alternativas". A Deputación de Pontevedra volveu impulsar un ano máis este proxecto, que vai xa pola súa cuarta edición, e que se basea na busca do compromiso xuvenil con temáticas relacionadas cos dereitos humanos e a consecución dun mundo máis xusto e igualitario. A deputada en funcións de Cohesión Social e Xuventude e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de presentar o mural, acompañada polo director do centro, persoal docente e alumnado do centro de ensino, e tamén polo artista grafiteiro "O Ras". O mural do alumnado redondelán atópase no muro exterior do centro no que 43 estudantes de 1º da ESO comezaron a traballar hai unha semana despois de ter recibido varias sesións formativas nas que afondaron sobre a temática central de DepoRúARTE 2019: os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos pola ONU. As nenas e nenos do IES de Chapela escolleron o obxectivo número 14, a vida mariña, ao considerar necesario e urxente que nos sensibilicemos sobre como as nosas accións teñen repercusións directas na natureza. O alumnado salientoua importancia do mar para a xente de Redondela, e tamén que é "unha obriga" de todas as persoas protexer os ecosistemas mariños para preservar a súa diversidade.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: