www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

A lonxa de Cesantes acolle a exposición "Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar"
Sociedade • 19/06/2019
Autor: Ana Prieto

As instalacións da lonxa de Cesantes acollen desde este mañá a mostra da Deputación "Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar". Trátase dun traballo realizado en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de darlle "visibilidade" ao papel da muller no ámbito mariño, cun percorrido polo traballo en feminino do último século .


A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. A directora do proxecto, María Álvarez Lires, foi a encargade de presentar a mostra, xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o Patrón Maior, Clemente Bastos. Lires sinalou que hai moitas imaxes, algunhas delas inéditas, que recollen un século de historia sobre o traballo das mulleres no mar. Tamén das amezadas que hoxe sofre o mar, como o cambio climático ou a contaminación por plásticos. Silva falou da importancia de presentar esta exposición nunha lonxa "por primeira vez", xa que é un espazo de traballo "vencellado co mar e as mulleres". A presentación da mostra foi ademais o primeiro acto oficial como alcaldesa de Digna Rivas, do polo que se amosaba "emocionada". Tamén agradeceu á asociación Amarturmar a iniciativa de levar á lonxa esta mostra, xa que se trata dunha exposición que, segundo Rivas, "tiña que pasar por este municipio", xa que Redondela "está unida ao mar e á historia das mulleres traballadoras do mar". Por iso convidou a todos os veciños a visitar a mostra, na que moitos poderán recoñecer "parte da historia da súa familia". Tamén Clementes Bastos quixo poñer en valor o papel das mulleres no sector da pesca e o marisqueo, xa que non só traballaron e traballan nel, senón que algunhas "ata foron detidas por defender o seu traballo nas praias". A mostra que se presenta, "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", ocúpase de recuperar a memoria de mulleres dedicadas aos oficios do mar, no pasado, e de darlle voz a aquelas que os desempeñan na actualidade. Non falta nel unha representación de investigadoras en ciencias mariñas, en educación para a sustentabilidade oceánica e de artífices da pervivencia desa memoria en museos e asociacións. O presente proxecto consta dunha exposición fotográfica dos oficios das mulleres do mar en Galicia, desde 1914 ata a actualidade e, ademais, nunha web accesible aborda diversos aspectos da historia destes oficios, integra as Xornadas sobre Bo Uso e Mal Uso do Mar -celebradas desde o 2014- e reproduce oito entrevistas gravadas en vídeo, testemuñas vivas de mulleres pertencentes a distintos eidos relacionados co mar e a súa sustentabilidade. A exposición poderá visitarse ata o 7 de xullo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
María Álvarez Lires directora do proxecto
Na mostra hai moitas imaxes algunhas delas inéditas que recollen un século de historia sobre o traballo das mulleres no mar.
Carmela Silva presidenta da Deputación
É a primeira vez que esta exposoción itinerante se presenta nunha lonxa un espazo de traballo "vencellado co mar e as mulleres".
Digna Rivas alcaldesa de Redondela
Rivas agradeceu á asociación Amarturmar a iniciativa de levar á lonxa esta mostra xa que Redondela está moi vencellada ao traballo das mulleres no mar.
Clemente Bastos Patrón Maior
Un emocionado Bastos lembrou que as mulleres non só son protagonistas do traballo no mas senón que algúnhas "ata forondetidas por defender o seu labor nas praias".