www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

A oposición de Pazos denuncia ao PP por delito electoral
Política • 14/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A oposición ao completo, Alternativa Veciñal, Ciudadanos, PSOE e BNG considera que hai probas sólidas de que se cometeu un delito electoral coa finalidade de manipular as eleccións locais, polo que xa denunciou estes feitos no INE para que abra unha investigación. Ante esta situación unha iniciativa popular convocou unha concentración este sábado día 15 ás 11:45 h, coincidindo co Pleno de investidura, mobilización que conta co apoio da oposición.


Explican os grupos da oposición que a alarma saltou cando se detectou que diversas persoas bastante novas se empadroaron nunha residencia da terceira idade. Diante disto a oposición iniciou unhas investigacións que depararon máis sorpresas. No mes de decembro de 2018, a un mes de que se pechara o Censo electoral, producíronse 54 altas no Padrón, 25 delas nun só día, o 28 de decembro "producíndose nesa xornada máis altas que en calquera outro mes enteiro do ano".


Cinco das altas do 28 de decembro producíronse na vivenda do que foi Primeiro Tenente de Alcalde, Severino Reguera. Nesa vivenda figuran empadroadas 11 persoas cando "é publicamente coñecido que esa vivenda está baleira todo o ano".


Ante estes datos, a oposición ao completo, Alternativa Veciñal, Ciudadanos, PSOE e BNG considera que hai probas sólidas de que se cometeu un delito electoral, polo que xa denunciou estes feitos no INE para que abra unha investigación. Nos próximos días seguirán a documentar casos para presentar conxuntamente unha denuncia na fiscalía, ampliando a que xa fora presentada por Alternativa Veciñal anteriormente.


As denuncias de manipulación do Censo non deixaron indiferente á sociedade de Pazos de Borbén. Foron moitas as persoas que se dirixiron aos grupos da oposición preguntando que se podía facer e animando a tomar medidas. Entre a veciñanza causa indignación que o Partido Popular puidera conservar a maioría absoluta grazas á manipulación do Censo. Circunstancia que se deu con case toda seguridade, xa que os votos de persoas non residentes superaron amplamente os 25 votos que lle deron a maioría absoluta ao PP.


Froito desta indignación unha iniciativa popular convocou a unha concentración o próxima sábado día 15 ás 11:45 h, coincidindo co Pleno de investidura, que é apoiada pola oposición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: