www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Setembro de 2019

Digna Rivas: Estamos abertos a un goberno de coalición no que teñen cabida tanto AER como BNG
Política • 14/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Rivas asegura sentir "emoción e moita responsabilidade" ante unha nova etapa que sentará por primeira vez na alcaldía de Redondela a unha muller. A candidata socialista será así a primeira alcaldesa do noso concello logo de pechar un acordo de investidura coas forzas progresistas tras dúas semanas de intensas negociacións marcadas pola "cautela e a prudencia". Anuncia que liderará un "goberno de continuo diálogo tanto co resto dos grupos como cos veciños e veciñas".


Digna Rivas será a primeira muller que se faga co bastón de mando da alcaldía de Redondela grazas a uns pactos de investidura que lle aseguran contar, no pleno que se celebra mañá sábado ás 11:00 horas no Multiúsos, cos votos de AER e BNG. Uns acordos precedidos de numerosas negociacións que asegura non presentaron escollos importantes "os compromisos e prioridades dos tres partidos son comúns polo que as negociacións foron cordiais dende o principio". Insiste en que "a finalidade das negociacións foron sempre chegar a acordos que defenderan os intereses dos veciños e veciñas de Redondela".


O primeiro que fará o luns unha vez chegue á alcaldía será reunirse cos traballadores dos diferentes departamentos e traballar na constitución do novo goberno que non descarta sexa de coalición "estamos abertos á entrada tanto do BNG como de AER". Neste sentido engade que os nacionalistas dende o principio apostaron por asinar o pacto de investidura e pospoñer os posibles acordos de goberno mentres que con AER si se negociaron xa posibles fórmulas para a súa entrada no goberno. "As negociacións están avanzadas" asegura Rivas "pero aínda temos pendentes novas reunións e máis conversas para pechar flocos e matices" polo que prefire manter a cautela e a prudencia que marcou as negociacións dos días pasados e non adiantar cales poderían ser as áreas que asumiría cada formación.


Valoración de AER


Confirman tamén dende AER os avances nas negociación "seguimos  negociando co PSOE para tentar formar parte do goberno local e traballar para que se cumpran todos os obxectivos programáticos. As negociacións para entrar no goberno están avanzadas, pero non pechadas. Polo tanto, existe a posibilidade, aínda non resolta, de que AER entre no goberno local", unha ciscunstancia que, segundo explican, tamén determinará o proceder dos seus concelleiros neste mandato,  Susana Couñago, Roberto Villar e Daniel Boullosa, e o seu posible relevo cando cumpran dous anos na corporación para dar paso as tres persoas que os seguen na lista.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: