www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

Acto no Multiúsos co gallo da reedición de "Estirpe" de Méndez Ferrín
Cultura • 13/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Con esta iniciativa, o Servizo de Normalización Lingüística quere render homenaxe a un dos libros máis relevantes da literatura contemporánea, cando se cumpren 25 anos da súa publicación, ao tempo que facer unha homenaxe ao seu escritor. O acto celebrarase no Auditorio da Xunqueira hoxe xoves 13 ás 19:30 horas. O acto contará coa intervención de Méndez Ferrín e a música de María do Ceo.


Unha actividade que inclúe un breve recital poético de "Estirpe", e as intervencións do director de Edicións Xerais, Francisco Alonso, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Angel Santalices, o Alcalde de Redondela, Javier Bas e pechará o propio autor, Méndez Ferrín.


Ademais entregarase aos asistente un exemplar gratuíto do poemario atendendo á "importancia de que nas casas haxa libros, nun tempo de tanta lectura virtual en aplicacións móbiles e informáticas. Achegar "Estirpe" é unha forma de difundir e poñer en valor unha relevante obra poética".


Unha obra que segundo salientan dende Normalización Lingüística é un canto á conformación histórica do pobo galego onde a natureza, os personaxes históricos e a tradición popular se unen grazas ao poderoso verso de Ferrín. Un libro que amosa claramente o por que é Xosé Luís Méndez Ferrín un dos autores imprescindibles da historia da literatura galega.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: