www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Novembro de 2019

Semana decisiva na formación de goberno
Política • 10/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A tan só cinco días da sesión constitutiva da corporación local, aínda non hai nada definitivo en Redondela. Todo apunta, iso si, a un acordo para a investidura como alcaldesa da candidata socialista, Digna Rivas. Con todo, o PSOE ten pendentes novas reunións tanto con AER como con BNG para determinar a fórmula de goberno elixida. Dende o Bloque anuncian o seu compromiso de chegar a acordos insistindo en que "non imos permitir que se manteña a deriva caciquil na que o PP quere sumir a Redondela". AER convoca para esta tarde ás 20:00 horas unha asemblea aberta no Multiúsos para "escoitar á veciñanza" logo de asegurar que as conversas cos socialistas están moi avanzadas.


O PSOE garda silencio, aseguran que as negociacións deben estar marcadas pola cautela e prefiren non manifestarse mentres non haxa un acordo definitivo. Postura diferentes a adoptada pola Agrupación de Electores, quen non dubida en facer públicos os avances nas negociacións que entenden están a dar os seus froitos. Aseguran neste sentido que as reunións celebradas ata o de agora permitiron achegar posturas co PSOE "partido que se tería amosado moi receptivo á batería de propostas presentadas por AER" polo que a formación dun goberno alternativo ao PP estaría cada vez máis próxima. Con todo, os membros da agrupación queren tamén escoitar á veciñanza, motivo polo que convocan unha asemblea aberta que se desenvolverá esta tarde ás 20:00 horas no Multiúsos.


Unhas conversas nas que teñen tamén peso os dous concelleiros do BNG, partido que asegura que "estes días manterá encontros con AER e co PSOE. Cada quen exporá a súa lexítima visión de como se deben facer as cousas, mais os puntos en común xa se teñen demostrado que son moitos. Novamente a vontade dos e cas redondelás expresou que maioritariamente elixen opcións de corte progresista e nacionalista" e conclúen afirmando que  "dende o Bloque Nacionalista Galego, non imos permitir que se manteña a deriva caciquil na que o PP quere sumir a Redondela. Cómpre poñer a administración local ao servizo dos verdadeiros intereses da veciñanza, dando resposta ás súas necesidades e demandas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: