www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 6 de Decembro de 2019

AER reúnese en paralelo con PP e PSOE
Política • 7/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores viviu este xoves unha intensa xornada ao manter simultaneamente dúas xuntanzas cos dous partidos que buscan facerse coa alcaldía. Con todo insisten "co PP a reunión foi de cortesía, solicitaron reunirse con nós e accedemos pero non seguiremos mantendo ningún tipo de negociación".  Máis avanzadas están as conversas cos socialistas "presentámoslles unha batería de propostas que o PSOE parece estar disposto a aceptar, co cal entendemos que a formación dun goberno alternativo está máis próxima". Aínda así, segue sen definir cal sería a fórmula dese goberno "deixamos para máis adiante determinar se facilitaremos un goberno do PSOE en solitario ou se entraremos nese goberno sexa bipartito ou tripartito".


As reclamacións de AER pasan por cuestións programáticas pero tamén por demandas máis concretas, como esixir que o PSOE pida desculpas "polas insidias de Santos Héctor cando hai catro anos acusou sen probas sobre supostos favores laborais recibidos por algún membro de AER do partido popular".


As outras condicións de AER pasan por aumentar a transparencia do Concello, establecer criterios obxectivos, especialmente nas contratacións e subvencións para "rematar cos amiguismos" , aumentar a transparencia facilitando á veciñanza o acceso a toda información de interese que exista no Concello e promover a participación cidadá, de xeito que "a veciñanza sexa directamente quen tome as decisións en aqueles asuntos que lle atinxan".


Unha propostas nas que inclúen tamén liñas vermellas en canto aos salarios dos políticos esixindo que en ningún caso a nova corporación supere o gasto actual, que cada persoa só poida recibir un soldo por cargo público, que os salarios estean vinculados á aprobación dos orzamentos anuais e que sexan publicados.


No caso de chegarse a acordo nos puntos formulados, dende AER entenden que quedaría para o final "a confección do goberno municipal no que se designaría á Alcaldesa e as concellerías, as súas competencias, dedicacións e remuneracións".


Finalmente dende a Agrupación valoran moi positivamente "a receptividade que están a ter a súa propostas" por parte do PSOE, malia lamentar que o grupo socialista non teña achegado á súa vez propostas máis concretas ás negociacións.


As negociacións continuarán na vindeira semana e tamén o luns ás 20:00 horas AER convoca unha asemblea aberta no Multiúsos para "escoitar á veciñanza".


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: