www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

Conmoción en Redondela pola morte de tres mozos nun accidente de tráfico en Teis
Sucesos • 30/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O accidente producíase ás 21:15 horas de onte cando o vehículo no que viaxaban, un Peugeot 206, saíse nunha curva, colidía contra o gardarrail, chocaba violentamente contra un dos piares da ponte de Torres de Padín e acababa envorcando na mediana. Os tres ocupantes da parte traseira do vehículo, dúas mozas e un mozo de entre 17 e 18 anos perdían a vida como consecuencia do impacto. O condutor tivo que ser excarcerado polos bombeiros de Vigo e foi trasladado ao hospital en estado grave. Tan só o copiloto foi quen de saír do vehículo polo seu propio pe.


Tráxico suceso o que se producía a última hora da tarde de onte nun accidente que tiña lugar en Teis pero cuxas vítimas son estudantes no instituto Mediño de Redondela. Tres mozos perdían a vida nese sinistro que deixa tres familias do noso concello completamente destrozadas. Son Sara C.V, Sofía P.H e Bieito L.R., residente en Nespereira pero cuxo pai rexenta unha coñecida tenda de ultramarinos na rúa Pai Crespo.


A xuventude das vítimas e o feito de seren todas elas de familias moi coñecidas na localidade deixan unha vila completamente conmocionada e cuxas mensaxes de pésame espallábanse rapidamente polas redes sociais nada máis coñecerse o suceso.


Queda agora en mans da Garda Civil de tráfico investigar as causas do accidente. Axentes deste corpo así como dos bombeiros do parque de Teis, dos servizos sanitarios do 061 e da Policía Local de Redondela colaboraron onte nas tarefas de rescate que se prolongaron durante dúas horas e media.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: