www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Xuño de 2019

O Pazos de Borbén F.S. xógase a liga e o ascenso na casa "nunha final" ante o Ribeira F.S.
Deporte • 28/05/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo de Fran Amoedo chega a última xornada de liga da Terceira División a 1 punto de distancia do líder, o Ribeira. E os caprichos do calendario fan que os dous aspirantes se xoguen o título en Pazos este sábado, e de paso, o ascenso a Segunda B. O técnico fai un chamamento á afección para que os arroupe nun partido ao que chegan "con todas as opcións".


Terceira División


Pazos de Borbén F.S.- Ribeira F.S.


Sábado ás 20.00 horas, no pavillón municipal de Pazos de Borbén. Alí agarda Fran Amoedo que estean todos os afeccionados ao fútbol sala da bisbarra para presenciar "unha verdadeira final". O último partido de liga enfronta aos dous primeiros clasificados, que se xogan o título e tamén o ascenso a Segunda B, que este ano é directo para o campión. O adestrador non oculta a ilusión dos xogadores, o corpo técnico e a directiva por acadar ese obxectivo, que está na súa man, xa que chegan á cita "con todas as opcións". Advirte que será un partido complicado, ante un Ribeira que conta "cun amplo plantel e moi competitivo". Con todo, asegura que o Pazos "non é inferior" e xa o demostraron no partido de ida, cando gañaron en Ribeira por 3-7, malia que foi un resultado "enganoso". Sexa cal for o resultado desta final, o certo é que o equipo de Pazos vén de facer unha temporada espectacular, na que demostraron ser un equipo moi competitivo. Amoedo lembra que se chegaron ata esta final, é grazas "ao gran traballo feito polos xogadores desde que comezaron a preparar a temporada, en agosto do ano pasado". Desde o club fan un chamamento á afección para que se achegue ao pavillón municipal de Pazos para arroupar ao equipo neste partido trascendental.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: