www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 5 de Decembro de 2019

Susana Couñago (AER): "Mantemos o compromiso de facilitar un goberno alternativo ao PP"
Política • 27/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

AER perde case 700 votos o que se traduce en que a súa representación na corporación de Redondela cae aos tres concelleiros. Con todo, e tal e como acontecera nos dous mandatos anteriores, volven ser chave de goberno. Unha situación que asumen "con moita responsabilidade". Asegura Susana Couñago que "cumpriremos a palabra dada antes das eleccións e estudaremos todas as posibilidades para facilitar un goberno alternativo ao PP".


A cabeza de lista da Agrupación de Electores de Redondela recoñece que os resultados se recibiron con tristura e entende que "é necesario facer autocrítica para analizar os motivos que os levaron a perder apoio na cidadanía".  Unha perda de apoios que non vincula necesariamente co feito de que no anterior mandato non propiciasen un goberno alternativo xa que "o único que fixemos foi cumprir a palabra dada".


Neste sentido apunta que volverán axustarse ao comprometido en campaña "AER caracterízase por cumprir o que di antes das eleccións, e mantemos a nosa postura pola cal nos comprometeramos a que, no susposto de que os resultados electorais favorecesen un goberno do PP, iamos estudar todas as posibilidades para facilitar un goberno alternativo".


Sobre o seu peso nese hipotético goberno, xa sexa formando parte activa do mesmo e asumindo os seus tres concelleiros responsabilidades de goberno ou apoiando un goberno alternativo co seu voto a favor pero manténdose fóra dun goberno de coalición, prefiren non posicionarse polo de agora "a nosa forma de traballar pasa sempre por adoptar decisións asemblearias que son o que van determinar o noso posicionamento".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: