www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

Xoán Carlos González (BNG): "Non hai maioría do PP e iso débese expresar nun goberno alternativo"
Política • 27/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os nacionalistas logran unha maior representación na corporación de Redondela ao conseguir dous concelleiros, logo de catro anos nos que o BNG contou tan só cun edil no Concello. Con todo, o incremento en número de votos foi mínimo e así o recoñece Xoán Carlos González quen lamenta que, malia que as dinámicas amosaran ventos favorables para o seu partido, isto non se traducira nun maior número de papeletas.


"Estamos satisfeitos porque hai unha suba do BNG que permite que teñamos dous concelleiros nacionalistas na corporación e iso sempre é unha satisfacción, malia que lamentamos que o incremento en número de votos fora mínimo (149 votos máis respecto dos comicios municipais de 2015) porque confiabamos en que ese incremento fora moito maior, e máis cando as dinámicas eran favorables a que se dera esa situación.


Sobre o futuro goberno local o BNG teno claro "estamos dispostos a estudar pactos e acordos de diferente índole co compromiso de cristalizar o que representa a vontade popular. En Redondela non hai maioría do PP e nós queremos que iso se traduza nun goberno alternativo". Entenden que "a permanencia do PP en Redondela é negativa para a veciñanza, e agardamos que o resto dos grupos asuman a súa responsabilidade que permita un goberno alternativo" aínda que sexa cedo aventurar baixo que fórmulas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: