www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

O novo rexistro horario: control ou descontrol?
Sociedade • 21/05/2019
Autor: Ana Prieto

Hai dez días que entrou en vigor o rexistro obrigatorio da xornada laboral, pero aínda hai moitas dúbidas. As empresas deben levar un rexistro no que conste a que hora entran e saen todos os seus empregados. En Redondela moitas xa o tiñan ou puxérono agora en marcha, pero outras aínda non o implantaron. Entre os empregados, as opinións son diversas: hainos que consideran que é unha boa maneira de controlar as horas extras, outros pensan que "non vai servir de nada" porque o rexistro "pode trucarse".


O pasado 12 de maio entrou en vigor o decreto que fixa a normativa sobre o control horario dos traballadores, e que supón unha proba das estruturas empresariais e administrativas. O procedemento debe puírse aínda para mellorar. En Redondela hai empresas que tiveron que empezar un inventario completamente novo, a outras chegoulles con adaptar os sistemas que tiñan á nova normativa. Pero outras, en especial as máis pequenas, nin sequera saben que deben facer. Entre os empregados, as opinións son diversas. Existen persoas que consideran que é unha boa maneira de controlar o horario e que desta forma poderase pagar ao traballador o que corresponde. Cristian explica que deste xeito poderá controlarse que as horas que se traballan "non só se cobran, senón que tamén cotizan". E polo outro, existen os máis escépticos que consideran que esta nova medida "non vai servir de nada", como explica Sandra, sobre todo en sectores como a hostalaría. Está convencida de que os traballadores seguirán facendo horas extra sen cobrar, porque "feita a lei, feita a trampa". Entre as empresas, as principais queixas chegan desde as pequenas e medianas empresas, para as que este rexistro horario obrigatorio supón "máis carga de traballo e máis custo económico", como explica Rodrigo. No caso de sectores como as empresas de servizos a aplicación do contro horario "é máis complexo", xa que os empregados deben desprazarse constantemente. En todo caso, hai quen se sorprende de que este novo rexistro cause incerteza entre traballadores e emprearios, xa que é unha práctica establecida en moitas empresas "desde hai décadas", como explica José. Entenden que é "normal" que os traballadores teñan que "fichar", e se controle o seu horario de traballo "como se fixo sempre", afirma este xubilado do metal. A Inspección de Traballo valora a posta en marcha da norma e dará unha marxe "razoable" duns 2 ou 3 meses para comezar a sancionar ás empresas que non conten co rexistro, sempre que a empresa "estea a negociar cos traballadores o novo sistema".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: