www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 27 de Maio de 2019

AER e BNG critican ao goberno local "por destruír o graffiti máis senlleiro de Redondela"
Política • 10/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Nos últimos días e co gallo da celebración da festa do choco, o goberno local encargou a un "graffiteiro" o pintado dun dos laterais do scalextric, no tramo final da rúa Xeneral Rubín. Un muro que agora está decorado cunha imaxe marítima co cefalópodo como protagonista. Unha actuación que non debería ser motivo de polémica se non fora porque este debuxo supuxo a eliminación do que había anteriormente. Feito que AER cualifica como atentado "irreparable contra o patrimonio inmaterial de Redondela" por destrozar unha manifestación cultural popular que lembraba parte da nosa historia.


O graffiti eliminado, e que a Agrupación de Electores data nos anos 70, década na que se construíra o coñecido scalxtric, consistía nun debuxo no que se recreaba a zona da Marisma previa ao seu aterramento.


Cualifica AER de "barbaridade" a actuación de substitución do graffiti orixinal polo actual e critica a falta de transparencia do goberno de Bas por "poñer en marcha unha iniciativa, nun lugar tan sensible e emblemático como era o mural da Desviación sen comunicarllo á oposición".


Conclúe a formación recomendándolle ao goberno que "se quere facer desaparecer vellos graffitis, que eliminen as pintadas fascistas da fachada da Igrexa de Redondela, onde se homenaxea so aos mortos do bando nacional da Guerra Civil".


Pola súa banda dende o BNG acusan ao PP de "ter moita presa en tapar esta pintada con moita historia en Redondela, nun intento de facer desaparecer calquera rastro de rebeldía".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: