www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

A xustiza dá por bo o acordo para resolver o conflito do polígono de Amoedo
Política • 9/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Xulgado de Primeira Instancia Nº 2 de Redondela dá o seu visto bo e homologa o acordo impulsado por Alternativa Veciñal e a Comunidade de Montes de Amoedo para resolver o conflito do polígono de Amoedo (Pazos de Borbén), e que mantiña en situación de parálise este terreos industriais. Entenden que esta resolución permitirá revitalizar este espazo ao que poderían chegar "dez empresas a medio prazo".


O acordo, aprobado por maioría en pleno a principios de ano, establece un pagamento aprazado e fraccionado dos máis de 500.000 euros que lle reclama o Concello a Comunidade de Monte para compensar os investimentos realizados en terreo comunal sen consentimento. Deste xeito, o concello perde o dereito de retención sobre o polígono industrial e deixa de cobrar os alugueres das empresas, que pasan á comunidade de montes de Amoedo, propietaria recoñecida por sentenza dos devanditos terreos. Así, esta pode facer fronte ós pagamentos esixidos polo ente municipal mediante os ingresos dos alugueres e recuperar o seu dereito de uso do polígono industrial.


"En só uns poucos meses a oposición foi capaz de solucionar un conflito que co Partido Popular levaba anos bloqueado", di Luciano Otero, alcaldable pola agrupación de electores Alternativa Veciñal.


Pola súa banda, o presidente da Comunidade de Montes, Miguel Míguez, critica que o goberno do PP non quixera solucionar o conflito nos 10 anos o que supuxo que non se puideran ampliar nin asinar novos contratos. Co acordo en vigor, Míguez asegura que o polígono de Amoedo "gaña seguridade xurídica e dá confianza ás empresas" para vir ó concello. "Calculamos que no medio prazo poderiamos ter 10 empresas máis instaladas. Para a semana imos firmar dous contratos, e xa estamos pechando negociacións con outras dúas moi importantes", explica Míguez.


O goberno local do Partido Popular xustificou as súas reiteradas negativas a negociar o acordo pola súa suposta falta de legalidade. Otero esixe que agora, co visto bo do Xulgado sobre a súa validez, "deberían dar explicacións de por que trataron boicotear por todos os medios este acordo, indo en contra do interese xeral e defendendo non sabemos que intereses ocultos".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: