www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

AER lamenta que o goberno non fora quen de crear o observatorio da discapacidade en dous mandatos
Política • 6/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Considera unha oportunidade perdida por parte do goberno local ao non ter creado xa o observatorio da discapacidade, malia que a Agrupación de Electores o leva demandando dende o ano 2013. Un tema que volverán presentar no último pleno antes das eleccións que se celebra o vindeiro xoves día 9. Tamén reclamarán nesa sesión a posta en valor da microtoponimia de tódalas parroquias.


A Agrupación de Electores de Redondela (AER) leva novamente, para ser tratado no último pleno do mandato, a creación do Observatorio Municipal da Discapacidade e da enfermidade Mental de Redondela. Unha petición que trasladaron ao goberno por primeira vez no ano 2013 co obxecto de crear un foro que funcionaría como punto de encontro de familias, asociacións, afectados e grupos políticos "cun obxectivo preferente na reivindicación dos dereitos das persoas con discapacidade e con enfermidade mental e no tratamento e procura de medios máis axeitados para a súa integración en condicións de normalidade e dignidade".


Así pois, AER propón ao pleno do Concello de Redondela a convocatoria das persoas afectadas, familias e asociacións locais, para que nos vindeiros meses se consensúe a constitución do observatorio e que se constitúa xunta redactora do proxecto de constitución, debidamente representada sectorialmente, que se trasladará a pleno para a súa aprobación.


 Por outra banda, AER tamén quere que se debata acerca da proposta de recuperación da toponimia do concello de Redondela. A Agrupación ve a necesidade de rematar os traballos de microtoponimia iniciados no ano 2012 ampliándoos a todo o concello e difundir entre a veciñanza eses estudos para recuperar e conservar a memoria histórica en canto a toponimia.  E propón que se lle proporcione ao equipo redactor do PXOM os estudos toponímicos xa realizados de Cabeiro, Cedeira, Quintela, Saxamonde e Vilar e que se contrate unha asistencia especializada para o estudo, recollida, xeolocalización e recuperación da toponimia das parroquias de Cesantes, O Viso, Ventosela, Vilavella, Redondela, Quintela, Trasmañó, Chapela e Reboreda.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: