www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 15 de Novembro de 2019

A Alameda Castelao acolle o espectáculo "Amantes da Terra" na honra de Antonio Fraguas
Cultura • 3/05/2019
Autor: Ana Prieto

Máis de 120 artistas estarán no escenario dando vida a unha gran producción do grupo Queiman e Pousa. Música, baile e tradición que pretenden ser unha homenaxe á figura de Antonio Fraguas, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Será o domingo, día 5, ás 18.00 horas.


O espectáculo, dirixido por Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, é unha fusión musical e poética con voces e danzas que poñen en valor ao escritor, etnógrafo e historiador galego Antonio Fraguas. Na presentación, que tiña lugar onte no Concello de Redondela, a concelleira de Cultura Teresa París, salientaba a importancia de Fraguas no galeguismo.


Andrea Pousa lembrou que Fraguas foi quen de recuperar "a voz do pobo" e recoller os piares "da nosa cultura, do noso mundo, o mundo campestre". O homenaxeado destacou no seu traballo a prol da recuperación cultural das festas, romarías e cantigas que agora se plasman neste espectáculo. Con este traballo queren sacar do esquecemento a este gran escritor, historiador e etnógrafo. O espectáculo "Amantes da Terra" estréase mañá sábado en Vilalba, e Redondela será o segundo Concello onde se poña en escea. Nesta caso coa particularidade de facelo ao aire libre e na Alameda Castelao, que leva por nome ao ilustre galeguista que foi mestre e referencia para Fraguas, como apuntaba Bruxo Queiman. Pousa puxo tamén o acento na coincidencia do espectáculo en Redondela coa celebración do día da Nai, xa que se trata dunha figura "moi importante" na vida de Fraguas. Tanto a súa nai como a criada que axudou a crialo e á que chamaba "mamá Antonia" foron fundamentais na súa vida e na súa obra, xa que lle transmitiron a tradición oral que el recolleu en diferentes traballos. No espectáculo que poderá verse o domingo na Alameda participan a Banda de de Música Unión de Lantaño, as Corais de Vales Mahía e Salvaldor de Camanzo, Grupo de Gaitas e Baile Foula, o actor Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa. Interpretarán temas musicais inéditos, compostos por Sergio Gramary como "Fraguas de amor", con textos de Fraguas, "O rostro de Galicia" de Domingo Fontán ou "A derradeira lección do Mestre" en homenaxe a Castelao e a Alexandre Bóveda. Tamén haberá espazo para as cancións tradicionais, recollidas no Cancioneiro de Cotobade, de Antonio Fraguas e doutros escritores e persoeiros galegos recoñecidos como Ricardo Portela, Antón Losada Diéguez, Alexandre Bóveda, Faustino Santalices ou Rosalía de Castro, entre outros. O espectáculo tamén inclúe unha demostración dos traxes tradicionais e traxes de gala, inspirado no libro de Antón Fraguas. Tamén se fai fincapé en tradicións galegas como o Entroido ou os Maios, que teñen tamén unha importante presenza en Redondela. O alcalde, Javier Bas, sinalou que se trata dun espectáculo que ten moitos vínculos con este municipio, que é referente en Galicia no eido cultural. "Amantes da Terra" dará paso ademais a outras celebracións como a Festa do Choco e as da Coca. O espectáculo de música e baile comezará o domingo ás 18.00 horas na Alameda Castelao, con entrada de balde.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Teresa París concelleira de Cultura
A concelleira de Cultura Teresa París salientaba a importancia de Fraguas no galeguismo.
Andrea Pousa
Interpretarán temas inéditos compostos por Sergio Gramary como "Fraguas de amor" con textos de Fraguas "O rostro de Galicia" de Domingo Fontán ou "A derradeira lección do Mestre".
Bruxo Queiman
O espectáculo farase na Alameda Castelao que leva por nome ao ilustre galeguista que foi mestre e referente para Fraguas.
Javier Bas alcalde
Bas sinalou que se trata dun espectáculo que ten moitos vínculos con Redondelaque é un referente en Galicia no eido cultural.