www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 15 de Novembro de 2019

Multitudinario recibimento á primavera cunha enorme calidade nos maios presentados
Cultura • 2/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

En total foron 20 os maios que competiron este ano no que houbo novidades nesta festa tradicional, xa que o palco no que cantan os cativos desprazouse da praza do Concello a un lateral da Alameda. Unha edición cun alto nivel en canto ás figuras presentadas e que concedeu o primeiro premio ao maio de Chan das Pipas que presentaba un canteiro tallando un cruceiro. O gañador do maio tradicional foi o Cono da Comparsa.


Logo de días recollendo fiuncho e pampullo, a xornada do martes foi a máis intensa en canto ao traballo para ter rematadas as figuras que neste festivo do 1 de maio se puideron ver na Alameda de Redondela. De feito, centos de persoas aproveitaron o bo tempo para achegarse a este espazo e observar esas figuras que nesta edición presentaron un alto nivel, con esculturas vexetais de gran tamaño e moitas delas cunha meticulosa elaboración.


Ese foi o caso do maio gañador, un canteiro tallando un cruceiro presentado polos integrantes do Canteiriño Desafiuzado de Chan das Pipas. Tamén moi traballada a propostas dos da taza da Tinta de Reboreda que presentaban unha escena dun furancho que se fixo co segundo premio. Orixinal e galardoado tamén o Maio Castrexo chegado dende Cedeira que logrou o terceiro premio nesta categoría.


Pola súa banda o gañador en maio tradicional foi O Cono da Comparsa, seguido de O Carballo e os Fiunchiños.


No apartado de coplas impuxéronse Os Trasnos de Quintela, seguido de Bolboreta e Os Tirabeques. Xa na categoría de interpretación fixéronse con premios os integrantes de O Carballo, seguido de Os da Taza Tinta e os Ventoliños.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: