www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

Chapela, bronce no Campionato de España de Bateis
Deporte • 30/04/2019
Autor: Ana Prieto

As embarcacións galegas fixéronse con 11 medallas na competición estatal, unha delas para o batel cadete masculino do C.R. Chapela, que se alzou con ese terceiro posto por detrás doutros dous galegos, Muros e Ares. Agora preparan con ilusión a temporada de traiñeiriñas, que comeza mañán mesmo en Coruxo coa III Regata Traiñeiriñas Remeir@s de Vigo.


O club redondelán de Chapela acadou o podio na final do Campionato de España de Bateis disputado en Vigo o domingo. Non estivo nesa final o batel feminino cadete, que quedou fóra nas clasificatorias do sábado nunha xornada negativa na que o forte vento e os nervios penalizaron as rapazas do C.R.Chapela, actuais campioas galegas. O batel cadete de nenos, pola súa banda, fixo unha magnífica proba nunha final "de infarto". Pola última baliza pasaron Muros, Chapela e Ares cunha diferenza de dous segundos, e a recta final foi emocionante. Finalmente gañou o barco da Ría de Muros-Noia por diante de Ares e Chapela, como xa acontecera no Campionato Galego. Rematada a temporada de bateis, o club redondelán fai un balance moi positivo desta campaña, na que destacaron como unha das mellores canteiras do remo galego. O presidente, Julio Prado, salienta que son máis de cen os nenos e nenas con ficha no club, o que supón "un enorme traballo pero tamén unha gran satisfacción". 


Liga de Traiñeiriñas


Agora, sen tempo para gozar das vitorias nin lamentarse das derrotas, o club prepara a temporada de traiñeiriñas, que comeza mañá mesmo en Vigo. Unha liga na que competirán con tres barcos: xuvenil e sénior masculino, e absoluto feminino. A primeira cita é mañá mércores ás 11.00 horas en Coruxo coa III Regata de Traiñeiriñas Remeir@s de Vigo, e na fin de semana chegarán dúas regatas máis, o sábado coa I Bandeira de Traiñeirias Festa do Albariño, en Cambados, e o domingo a cita é en Tirán. O domingo arranca tamén a temporada de veteranos, coa participación da traíña do C.R. Chapela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: