www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

O PSOE logra a vitoria en practicamente todas as mesas electorais
Política • 30/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A falta de facer unha análise máis pormenorizada dos resultados acadados por cada un dos partidos nas mesas electorais, os resultados foron contundentes á hora de darlle a vitoria ao PSOE de Pedro Sánchez, que lograron unha de cada tres papeletas no noso concello (6.558). O PP retrocede notablemente e sitúase en terceiro lugar (3.891), por detrás de Podemos (3.908). Ciudadanos logra 1.602 votos e atopamos en quinto lugar ao BNG que foi a opción elixida por 991 veciños. Pola súa banda, 631 papeletas foron para Vox e 234 para En Marea, practicamente empatados con Pacma (230).


Uns resultados que mudan e moito o panorama electoral respecto de comicios anteriores en toda a comarca. Se nas pasadas eleccións xerais do 2016 o PP lograba facerse con un de cada tres votos, este domingo máis dun terzo dos votantes elixiron ao PSOE. Os populares viron ademais como quedaban relegados ao terceiro posto, xa que por un puñado de votos sitúase como segunda opción entre os electores o partido de Pablo Iglesias.


A cuarta forza en Redondela é Ciudadanos que malia situarse a unha importante distancia do PP logra 1.602 votos. O BNG, do mesmo xeito que no resto de Galicia, logra mellorar os seus resultados malia non lograr representación, e no caso de Redondela queda con 991 votos.


Vox, partido que non se presenta nas municipais que se celebran en menos de catro semanas, logra 631 papeletas. Por último podemos falar dun empate técnico entre En Marea e Pacma, as outras dúas formacións que lograron un apoio, aínda que mínimo, por parte dos electores, con 305 e 295 votos respectivamente .


O PP si mantén a súa hexemonía en Soutomaior e Pazos de Borbén, concellos nos que os populares sitúanse en primeiro lugar cunha porcentaxe do 27% e o 32% respectivamente, mentres que en Fornelos, concello no que tradicionalmente gaña o PSOE, a formación de Pedro Sánchez fíxose con máis do 45% dos votos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: