www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Esgotadas en dúas horas as prazas para as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior
Cultura • 30/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Unhas visitas organizadas pola Deputación de Pontevedra e que se van desenvolver os días 5, 12 e 19 de maio e os días 1, 2 e 8 de xuño. A bufona Burlona e Teresa de Távora serán as personaxes que guiarán esta nova edición das visitas teatralizadas. Ás nove da mañá deste luns abría o prazo de inscrición e, en pouco máis de dúas horas, a Deputación de Pontevedra esgotou as 300 prazas dispoñibles para a nova edición de visitas teatralizadas no castelo de Soutomaior.


As personaxes da bufona Burlona e Teresa de Távora serán nesta ocasión as personaxes que guíen as novas visitas teatralizadas. Como cada ano, a Deputación de Pontevedra busca así desestacionalizar o turismo na provincia e dar a coñecer a historia de Soutomaior dun xeito máis ameno, interactivo, innovador e divertido. As visitas ao Castelo de Soutomaior vanse desenvolver os días 5, 12 e 19 de maio e mailos días 1, 2 e 8 de xuño, con grupos de 30 persoas por quenda.


No Castelo de Soutomaior, será a bufona Burlona a encargada de abrir as portas da fortaleza, presentando despois a toda unha serie de persoeiros, entre os que aparecerá unha nova personaxe, que será Teresa de Távora. Foi a muller de Pedro Madruga, unha muller que xogou un papel moi activo nos conflitos e alianzas da nobreza galega e que servirá para descubrir un novo punto de vista do castelo, máis divertido e interactivo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: