www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Bas esixe unha Comisaría para Redondela ante o desmantelamento da oficina da Policía Nacional
Política • 26/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O rexedor redondelán asegurou quen "non vai permitir que se poña en risco a seguridade dos cidadáns" ante o anuncio de que no vindeiro mes acometerán os cambios que suporán a perda do Grupo de Seguridade Cidadá de Redondela que pasará a integrarse en Vigo. Uns cambios que, segundo alertan os sindicatos policiais, suporá un empeoramento do servizo ao incrementarse o tempo de resposta ante calquera incidencia. Bas culpabiliza da situación á subdelegada do goberno, Maica Larriba.


Logo da polémica xurdida ante os cambios que a partir do vindeiro mes van afectar ao persoal que presta servizo en Redondela, o alcalde Javier Bas manifestou que "non vai permitir que  ningunha reorganización prexudique ou poña en cuestión a seguridade e o bo mantemento da tranquilidade dos cidadáns, os recortes de Madrid non poden afectar a un servizo tan prioritario".


Sinala ademais que "non lle parece serio que os mandos policiais se neguen a entregar o informe solicitado a comezos de abril" e responsabiliza disto directamente á Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, "polo seu desprezo permanente a Redondela e por non dar as ordes pertinentes para que se elabore dito informe e por amosar un desinterese total pola seguridade da veciñanza en Redondela".


"Unha vez máis, cando en Madrid goberna o PSOE, Redondela sae prexudicada", conclúe o alcalde.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: