www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

Espectáculos para toda a familia no Chapela Fest
Cultura • 24/04/2019
Autor: Ana Prieto

O sábado 27 de abril a parroquia acolle un gran festival de música e baile para todos os públicos. O aparcadoiro da Alameda será o esceario dos concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, o DJ Rodri Vegas, o grupo Broken Peach e o espectáculo de Músicas e Danzas do Mundo coa Banda de Música de Chapela e o grupo de baile Porté. Desde as 20.30 horas ata as 00.30.


O Concello de Redondela organiza o primeiro certame Chapela Fest, un evento con vocación de continuidade que predente dotar á parroquia dun festival "con identidade propia". O concelleiro de Chapela e tenente de alcalde, Miguel Ángel Álvarez, foi o encargado de abrir a presentación do certame, que vén a ampliar a oferta de lecer da parroquia. A idea do festival naceu da Banda de Música de Chapela, que propuxo a creación dun certame de "músicas e bailes do mundo". Desa proposta, feita polo director Andrés Álvarez, naceu este festival, como explicaba o alcalde Javier Bas. O rexedor local destacou "a calidade e variedade" dos espectáculos que comezarán co grupo Uxía Lambona e a Banda Molona ás 20.30 horas. Un concerto dirixido ao público infantil e familiar que porá ao público de todas as idades a bailar, cunha actuación moi participativa que o alcalde recomendaba "non perderse". O grupo achegará aos máis pequenos un repertorio con temas tradicionais galegos reinventados nos que se mesturan estilos musicais que van desde o ska ao hip hop pasando polo rock para que ninguén deixe de bailar, como apuntaba a solista da formación, Laura de Gabriel. Amosábase ademais "moi satisfeita" de abrir este primeiro "Chapela Fest" para público de todas as idades. A festa continuará ás 21.30 horas cunha sesión a cargo do DJ redondelán Rodri Vegas, que seguirá facendo bailar ao público.


Músicas e Danzas do Mundo


Ás 22:00 horas seguirá o espectáculo "Músicas e Danzas do Mundo", un recital no que poderemos viaxar a través da cultura musical de países dos diferentes continentes. Tal como explicou o director da banda, Andrés Álvarez, uns 40 artistas estarán no escenario, entre os membros da Banda de Música de Chapela e os bailaríns da Escola Porté. Os bailaríns que acompañarán á banda son Alejandra Teixeira, Rubo, Sheila Loira, María Rial e Luis Vázquez. Teixeira avanzou que se trata dun traballo "moi especial e innovador" co que o público poderá percorrer o mundo sen moverse de Chapela. Esta viaxe musical rematará unha hora máis tarde, sobre as 23.00 horas, cando Rodri Vegas volverá ser o protagonista da noite poñendo a música e a animación.


Broken Peach


O broche de ouro do Chapela Fest será o concerto das Broken Peach, ás 23.30 horas. Trátase dun dos grupos de moda, famoso polo seu repertorio cargado de grandes éxitos de todos os tempos e estilos, desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk ou pop. Catro voces femininas que destacan tamén pola súa coidada estética, que leva ao público a diferentes épocas e ambientes. Ao redor das 00.30 horas rematará o festival, logo de catro horas de diversión "para toda a familia". O obxectivo do Concello é que o Chapela Fest "se consolide" na progración cultural da parroquia. Será ademais a primeira dunha multitude de citas que Redondela acollerá esta primavera, como a Festa dos Maios, a Festa do Choco, ou o Festival Internacional de Títeres.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: