www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 14 de Decembro de 2019

O xurado declara culpable por unanimidade ao asasino de Arealonga
Sucesos • 12/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Logo de deliberar durante nova horas o xurado que debía determinar a culpabilidade ou non de José Luis Luna polo crime cometido na noite de San Xoán de 2017 e que acabou coa vida do mozo Daniel Beltrán foi unánime. Declararon culpable de asasinato ao autor sen atenuantes nin eximentes. A Fiscalía pide 42 anos de cadea en total e o avogado da familia, 27 anos. Será agora o titular da sala quen determine a pena a aplicar.


O xurado daba a coñecer na noite de onte o veredicto que declara culpable por unanimidade a Luna do delito de asasinato de Daniel Beltrán tras dispararlle no peito. Tamén o declaran culpable dun delito de intento de asasinato dunha testemuña que logrou fuxir así como do intento de homicidio contra os dous policía que o arrestaron. Tamén o declararon culpable de tenencia ilícita de armas.


Non contempla o xurado nin o atenuante nin eximente por trastorno mental, embriagues ou síndrome de abstinencia e denéganlle a posibilidade de pedir o indulto nin beneficio penitenciario algún.


Coñecida a sentenza queda agora por determinar as penas que terá que cumprir José Luis Luna. En principio serían 20 anos por asasinato consumado, dez por cada tentativa e dous por tenza ilegal de armas. Tamén se propón 30 anos de afastamento da familia da vítima.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: