www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

Cultura incrementa as achegas á Festa dos Maios para animar á participación
Cultura • 11/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

As persoas interesadas en participar desta festa tradicional que cada primeiro de maio celebra a primavera coas máis variadas e sorprendentes esculturas vexetais teñen de prazo ata o vindeiro 17 de abril para se inscribir. Cada Maio participante, que deberá estar elaborado con produtos vexetais, contará cunha subvención pro participar de 100 euros. Repartiranse 3.000 euros en premios, sendo o primeiro de cada categoría de 300€, o segundo de 250€ e o terceiro de 200 euros.


Na categoría de maio tradicional poderán participar os construídos con forma cónica ou de cruceiro a partir de materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas. O resto das formas concorrerán na categoría de maio artístico.


As coplas deberán estar escritas en lingua galega e será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.


Non serán admitidos a concurso aqueles maios con coplas que atenten contra as máis elementais normas de civismo e respecto á honra e dignidade das persoas.


Na avaliación das coplas terase en conta a retranca, o enxeño, o ritmo e a linguaxe utilizados, sendo penalizado o uso de palabras malsoantes e ofensivas. Na interpretación valorarase a posta en escena, a sincronización, a afinación das voces, a utilización de elementos de acompañamento (paus, caxatos etc.) e o uso das prendas que estean de acordo co modelo tradicional (boina, camisa branca e pantalón con remendos).


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: