www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Preocupación entre os veciños de Redondela polo aumento dos roubos e a reorganización policial
Sociedade • 8/04/2019

O aumento dos roubos en vivendas e negocios do municipio nos últimos meses, así como o anuncio  da eliminación da comisaría da Policía Nacional na vila, ten moi preocupados aos veciños e comerciantes de Redondela. Denuncian "a escasa presenza policial" polas rúas da vila e as parroquias, e defenden que un maior número de patrullas daría "máis seguridade á cidadanía."


Casas unifamiliares en diferentes parroquias de Redondela, e tamén comercios e locais de hostalaría teñen sido o obxectivo de numerosos roubos nos últimos meses. Unha situación que preocupa aos traballadores do comercio local e os veciños en xeral que culpan deste aumento de casos "á falta de presenza policial pola rúa". Critican tamén que existan poucos axentes en activos o que se traduce en que ante calquera problema os axentes se demoren demasiado tempo á hora de chegar ao lugar do suceso.


De feito, todos os veciños que falaron para os micrófonos de Radio Redondela coincidiron ao destacar que "cada vez hai menos policía na rúa en Redondela". Unha situación que hai quen achaca aos poucos efectivos existentes mentres que outros, malia entender que si hai efectivos, critican que non patrullen de xeito continuado pola rúa "xa que as patrullas supoñen un elemento disuasorio para os delincuentes".


A preocupación dos veciños súmase o anuncio da "reorganización" no corpo da Policía Nacional. Os cambios suporán que os axentes que ata o de agora prestaban servizo en exclusiva durante o día en Redondela,  pasarán a formar parte da Brigada Local de Vigo. Unha modificación criticada tamén polo SUP (Sindicato Unificado de Policía) xa que ao seu entender suporá "unha menor presenza policial en Redondela". Con todo, tanto a subdelegación do goberno como os propios mandos policiais aseguráronlle ao alcalde, Javier Bas, que Redondela verase "beneficiada" se o cambio organizativo se fai, e aseguraron que o municipio non quedará desatendido "en ningún momento". Unhas explicacións que non convencen aos veciños, que ven como algo negativo a eliminación da base que agora existe en Redondela. "Un despropósito" para os que defenden que un municipio con máis de 30.000 habitantes debe ter a súa propia comisaría da Policía Nacional.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: