www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 11 de Novembro de 2019

Exposición "O principiño ao redor do mundo" de Carlos Casares
Cultura • 3/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

"O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares" é unha exposición didáctica para todos os públicos que recolle máis de 100 edicións do libro de Saint-Exupéry, en máis de 60 idiomas e dialectos do mundo.  Inclúe ademais 4 paneis informativos e 1 tótem introdutorio centrados na biografía do autor galego. A mostra pódese visitar ata o vindeiro 25 de abril no Multiúsos.


A mostra organizada polas Bibliotecas Municipais en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e a Fundación Filomena Rivero Alonso, consta de máis de 100 exemplares en diversas linguas do mundo, así como outro material expositivo sobre Carlos Casares propiedade da Fundación que leva o seu nome.


Esta exposición forma parte da colección privada do escritor que, dende principios dos anos 70, comezou a traducir a mencionada obra ao galego para a editorial Galaxia. A súa afección polo libro de Antoine de Saint-Exupéry moveuno a coleccionar O Principiño en todas as linguas do mundo. No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da Península Ibérica (galego, portugués, castelán, vasco e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70.


Esta exposición englóbase dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional do Libro Infantil e do Día Internacional do Libro, dúas datas craves do mes de abril.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: