www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 19 de Outubro de 2019

Fran Amoedo: "O Pazos de Borbén F.S. segue con todas as opcións intactas para pelexar pola liga"
Deporte • 3/04/2019
Autor: Ana Prieto

Logo da vitoria sobre o Concello de Begonte, os de Pazos recuperan as boas sensacións perdidas nas últimas xornadas. A cabeza da táboa está moi apertada, cos primeiros cinco equipos a tan só dous puntos de distancia. O equipo de Amoedo é terceiro, pero ten intactas todas as opcións de facerse co título, xa que os dous primeiros clasificados teñen que visitar aínda Pazos.


O contundente triunfo en Begonte (3-7) quere ser un punto de inflexión, xa que logo de liderar a táboa durante moitas xornadas, o Pazos de Borbén "perdeu forza" e viuse relegado ata o 4º posto. Agora son 3º, xa recuperaron a varios xogadores lesionados, e traballan tamén o aspecto anímico, "fundamental" segundo Fran Amoedo para fortalecer a confianza dos seus pupilos. O técnico advirte que seguen "con todas as opcións intactas" para ser campións de liga, xa que dependen de si mesmos. O próximo sábado reciben ao Vilalba, 11º do grupo. Non será un partido doado, segundo Amoedo, xa que o rival aínda ten que asegurar a permanencia, e é un equipo que conta con grandes xogadores, mesmo con experiencia en categorías superiores. Unha vitoria sobre o Vilalba sería beneficiosa non só para os intereses do Pazos, senón tamén para o Campito, que pelexa pola permanencia, e poríalles máis preto a salvación. Amoedo, ex-adestrador do equipo de Chapela co que mantén unha "excelente" relación, amósase "encantado" de poder axudar ao equipo redondelán "menos no derbi" que se disputará nas próximas xornadas. O encontro co Vilalba será este sábado, ás 19.00 horas, no pavillón municipal de Pazos de Borbén.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: