www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Xuño de 2019

Música, charlas e xornadas no marco dun convenio entre o Concello e o Consello da Cultura Galega
Cultura • 2/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Illa de San Simón acollerá o vindeiro 26 de abril unha xornada baixo o nome "A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías" froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Redondela e o Consello da Cultura Galega. Previamente o servizo de Normalización Lingüística convoca diferentes actividades, a primeira delas un concerto de música antiga este sábado día 6 ás 20:00 horas no Multiúsos a cargo do grupo 1500 de Música Antiga.


O convenio asinado hoxe entre a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o alcalde, Javier Bas, busca coordinar conxuntamente actividades que poñan en valor o patrimonio cultural de Galicia dentro de Redondela. Iníciase así, promovido polo servizo de Normalización Lingüística,un período de colaboración no marco do cal convócase para o vindeiro 26 de abril un encontro sobre a época medieval e no que se inclúen catro sesión que buscan a análise da cultura medieval dende o punto de vista da arte, da literatura, da música e do patrimonio, achegándose a estas disciplinas dende a luz das novas tecnoloxías. Para esta actividade, completamente de balde e aberta a todo o público interesado, elixiuse un dos espazos de referencia da lírica medieval galega e onde se localiza a destacada cantiga de Meendinho: a Illa de San Simón.


No contexto deste encontro académico o Concello de Redondela organiza actividades de difusión desta temática que arrancan este mesmo sábado cun concerto ás 20:00 horas no Auditorio da Xunqueira a cargo do "Grupo 1500 de Música Antiga".


Xa o martes día 23 de abril, nos auditorios de Chapela e Redondela celebrarase un concerto didáctico para as escolas públicas a cargo do grupo Pres de Cambrai.


A última das propostas previstas a curto prazo será na semana do 22 cunha conferencia de Silvia Cernadas sobre a fortaleza de Castrizán, que se celebrará na propia parroquia do Viso.


Un convenio que inclúe tamén o compromiso do Consello da Cultura de traer a Redondela algunha das grandes exposición que teñen en marcha.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: