www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 6 de Decembro de 2019

O Choco gaña sobre o asubío
Deporte • 1/04/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo redondelán segue invicto como local logo de vencer ao Silva por 1-0 cun gol de Félix no minuto 90. No fútbol local tamén gañaron o Arcade e o Atl. Vilar. No fútbol sala dúas vitorias importantes na Terceira División de Campito e Pazos de Borbén.


Terceira División



Choco 1-0 Silva


O Choco segue invicto como local esta tempada tras derrotar sobre a bucina ao Silva, e suma 15 xornadas sen perder. En canto ao partidos disputado en Santa Mariña, o Choco foi dono da pelota, ca equipo foi fiel ao seu estilo de xogo. O conxunto coruñés pechouse na busca dunha contra que non chegou. Os de "Gonza" tentárono unha e outra vez, sen recompensa ante o muro do Silva. Pero atopou o gol xa ao remate do encontro. Un erro na saída do Silva rematou co balón nos pés de Félix, que anotou no último suspiro do partido ante Damián. Na próxima xornada os de Redondela, no 7º posto da táboa, visitan o campo do Paiosaco, situado na parte baixa da táboa.


Choco: Cortegoso; Yago (Yerai, min. 61), Aitor Cañedo, Samu, Jacobo Lazcano; Nacho, Comis (Gabi Misa, min, 79), Caloi; Gabri (Cora, min, 68), Vilas e Félix.


Silva: Damián; Toni (Angulo, min. 90), Miguel Fiuza, Scalon, Lorusso; Mauro (Jony, min. 46), Cata; Brais Lema, Marcos, Aarón (Souto, min. 76); e João.


Gol: 1-0 , min. 90: Félix.


Primeira Autonómica


Arcade 6-1 Erizana


Dous tantos de Adrián Buján, un de Rubén, Eloy, Nordine e Campos deron a fácil vitoria ao Arcade. O gol do Erizana marcouno Zamo, de penalti. Os de Juan Amoedo, que manteñen o 4º posto, na próxima xornada visitan o campo do S.Martín, da metade baixa da táboa.


Segunda Autonómica


Vincios 0-3 Atl.Vilar


Os de Mon Sanromán son 8º despois de vencer a domicilio do campo do Vincios, afundido na parte baixa da táboa. Na próxima xornada reciben ao Mosende, 13º do grupo.


Bueu 2-0 Cesantes


Amable adiantou ao Bueu na primeira metade. O Cesantes tentouno, pero quedou con nove na segunda metade. Álex Moledo sentenciou nunha contra no desconto. Os de Pablo Alonso baixan un posto, son 13º, na próxima xornada reciben ao Marín, da parte alta da táboa.


Terceira Autonómica



Chapela 2-2 Lavadores


Reparto de puntos que mantén ao Chapela na 4ª praza. Na próxima xornada visitan o campo do Sampaio, cos anfitrións situados na metade baixa da táboa.


Val Miñor 5-1 Nespereira


O Nespereira, afundido no pozo da clasificación, encaixou unha goleada no campo do líder, o Val Miñor. Na próxima xornada repiten como visitantes, no campo do Coia, 6º do grupo.


Marcón Atl. 2-1 Soutomaior


Anxo e Adri marcaron para o Marcón, que se clasifica así para a promoción de ascenso. O gol do Soutomaior anotouno Davicín. Na próxima xornada, que será a última de liga, reciben ao Santomé.


Fútbol Sala Terceira División



Campito 10-6 Polideportivo Casás


Os de Chapela sumaron unha importante vitoria ante un dos seus rivais directos, pero seguen a 8 puntos da salvación. O sábado visitan a pista do Estrada Futsal, tamén en postos de descenso, e con 4 puntos máis que os de Chapela.


Concello de Begonte 3-7 Pazos de Borbén


Os de Fran Amoedo superaron sen problemas ao pechacancelas do grupo e recuperaron a 3ª praza. O sábado, ás 19.00 horas, reciben ao Valdesuso Peugeot Vilalba, 11º do grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: