www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 24 de Setembro de 2019

Pleno bronco, baleiro de contido e cun final precipitado ao levantarse parte da oposición
Política • 29/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Unha sesión plenaria a vivida onte en Redondela atípica, ao presentar un formato que foi motivo de debate e enfrontamento continuado entre os diferentes grupos que conforman a corporación. De feito, tanto BNG como PSOE decidiron abandonar a sesión na quenda de mocións por térense excluído do debate aquelas cuestións que, de acordo ao establecido polos técnicos municipais, non son competencia do Concello e, por outra banda, porque incluso as incluídas na orde do día, malia poderen ser debatidas non podían dar lugar a ningún tipo de acordo ao non contemplarse o seu voto.


Continuo rifi-rafe onte na sesión plenaria na que tomaba posesión da súa acta de concelleiro  Alberto Álvarez Pérez que chega á corporación logo da renuncia do socialista Mauro Álvarez. Asistía o novo edil a un continuo enfrontamento entre os grupos a conta do novo funcionamento plenario que establece, como novidades principais, que quedan fóra todas aquelas cuestións que non sexan de competencia municipal. Tamén que as mocións non resolutivas, como as presentadas por AER en torno a toponimia ou o observatorio municipal da discapacidade, malia podérense debater non poden dar lugar a ningún tipo de acordo.


O alcalde argumentaba este novo funcionamento ao non ter apoiado todos os grupos a súa proposta para que asinaran un documento non que se establecía, por escrito, un acordo que ata o de agora era verbal e que permitía que ningún tema quedara fóra do debate.


Especialmente intenso foi o enfrontamento do alcalde co voceiro do BNG, Xoán Carlos González, quen acusaba a Bas de non querer debater unha moción sobre a problemática creada polas suba das cotizacións á seguridade social dun sector tan relevante como o das mariscadoras. Anunciaba o edil a decisión do seu grupo de marchar do pleno na quenda de mocións en protesta pola decisión do alcalde de que estas non puideran ser votadas.


Marchaba o concelleiro nacionalista e minutos despois tamén o facían os socialistas, logo de que a súa voceira, Digna Rivas manifestara o seu rexeitamento "ao novo funcionamento do pleno do que non fomos informados en Comisión de goberno".


Dende AER defendíase o debate das mocións "para que a cidadanía escoite os posicionamentos de cada un dos grupos", malia que optaban por deixar sobre a mesa as que tiñan presentado por entender que ante a ausencia de boa parte da corporación o máis axeitado era adiar dito debate "a espera dunha nova reformulación do funcionamento do pleno que permita reconducir a situación actual".


Non perdía a oportunidade a voceira do PP, Carmen Amoedo, para lembrar que a situación actual é responsabilidade do PSOE que solicitou un informe do secretario municipal a raíz da moción presentada polos populares en torno a reprobación de Carmela Silva pola súa suposta responsabilidade no caso do enchufe da súa cuñada.  Un conflito que deu lugar a esta interpretación estrita do funcionamento do pleno malia que "dende o goberno sempre estivemos dispostos a aceptar todo tipo de debate".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: