www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Xuño de 2019

Arranca o Festival Soutopequeno enchendo de cine e música infantil o concello de Soutomaior
Cultura • 28/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A primeira edición do certame abre as súas portas a todo o público cunha gala o venres no Multiúsos de Arcade que contará coa presenza do Modulador das ondas, Cé Orquestra Pantasma e Pulpiño Viascón. Música e espectáculos para público infantil dentro dun programa que nos deixará ata o domingo obradoiros, degustacións, música e propostas diversas con 9 compañías artísticas chegadas de varios países e a proxección de 15 curtametraxes de animación seleccionadas de entre as máis de cen películas presentadas a concurso.


A iniciativa, impulsada polo Concello e dirixida por Fernando Carreira Cuchi e Miguel Borines, contará coa participación de 9 compañías artísticas nun certame que xira en torno ao cine de animación e ao que se presentaron máis de 100 curtas. A dirección seleccionou un total de 15 e serán agora os nenos e nenas que asistan ao pases que se farán no multiúsos de Arcade os encargados de elixir a curta gañadora, premiada con 800 euros.


Un festival centrado nos máis pequenos e as súas familias co que este concello quere facerse un oco na programación infantil da bisbarra.


Un programa que arranca hoxe xoves coa programación escolar pero que se abrirá a todo o público a partir da sesión inaugural do venres, sendo an fin de semana cando se celebre o groso das actividades que inclúe cinema, música, talleres, deporte, alimentación saudable e outras sorpresas.


Ademais da proxección das curtametraxes de animación, os pequenos poderán gozar de diversos talleres formativos destinados a fomentar as súas aptitudes artísticas. Así, o festival inclúe a celebración de obradoiros nos que os participantes aprenderán como elaborar os seus propios instrumentos musicais ao estilo dos homes orquestra e a realizar as súas propias curtametraxes de animación utilizando a técnica "stop motion".


Outro dos grandes atractivos desta primeira edición de Soutopequeno será o Encontro de Homes e Mulleres Orquestra, con presenza de músicos chegados desde Arxentina, Italia, Portugal, España e Galicia. Músicos que, ademais da súa participación no festival, amenizarán varias das actividades que levarán a cabo durante ese mesmo fin de semana en Soutomaior, como a carreira infantil da Ostra, que se celebrará o 31 de marzo no Peirao de Arcade.


As actividades desenvolveranse en dous escenarios, por unha banda o propio Multiúsos que acollerá as proxección cinematográfica así como a inauguración este venres ás 20:30 horas, e o Peirao de Arcade onde se desenvolverán os concertos principais, o sábado con Uxia Lambona e a Banda Molona e o domingo co espectáculo A verbena da xente miúda coa Pequena e grande Orquestra.


O festival contará tamén coa participación dos alumnos do Obradoiro de Hostalería Río Pequeno, que leva a cabo na escola taller de Alxán, e que serán os encargados de elaborar varias degustacións de zumes e aperitivos saudables para concienciar aos participantes sobre as vantaxes de levar unha dieta saudable, especialmente durante os primeiros anos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: