www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Xuño de 2019

Pablo Alonso: "Polo traballo e esforzo, o Cesantes merece acabar a liga co premio da permanencia"
Deporte • 26/03/2019
Autor: Ana Prieto

O adestrador do C.D. Cesantes confía en acadar o obxectivo marcado para a presente temporada, recén ascendidos á Segunda Galega. As baixas complicáronlles a competición, pero nesta recta final e co persoal dispoñible "case na súa totalidade", confían en seguir coa boa racha e anotar en Bueu a terceira vitoria consecutiva.


A liga está a ser "moi competitiva", con sete equipos apertados na parte baixa da táboa, e pendentes dos arrastres que poidan darse de categorías superiores, xa que condicionarán finalmente o número de equipos que descendan á Terceira Galega. O C.D. Cesantes é o que está mellor situado deste grupo, con 30 puntos son 12º, pero cunha estreita marxe de 2 e 3 puntos sobre Poio e Deiro, respectivamente. Queda por diante una recta final "que será decisiva", como explica o adestrador Pablo Alonso, con cinco xornadas nas que terán que enfrontarse a tres rivais directos pola permanencia, os propios Poio e Deiro, e tamén o P. Arnelas, o pechacancelas do grupo. O técnico asegura que polo traballo e o esforzo que está a facer todo o club, o Cesantes "merece acadar a permanencia e rematar a liga cun sonriso. Alonso confía en acadar o obxectivo, xa que o equipo encadea agora unha boa racha de resultados. Logo dunha mala xeira debido ás baixas por lesións e sancións, o cadro está agora dispoñible "case na súa totalidade", o que fai que mellore o traballo nos adestramentos e tamén o rendemento dos xogadores. Esta semana están centrados no seu próximo rival, visitan o campo do Bueu. Os do Morrazo son 10º, pero con 12 puntos máis que o Cesantes. O anfitrión, tamén un recén ascendido, xa ten asegurada a salvación, e non podo aspirar á parte alta da táboa. Pero esta "falta de presión" coa que sairá ao campo do Bueu pode xogar en contra dos redondeláns, segundo apunta Alonso. O técnico advirte que no terreo de xogo ten que verse "cal é o equipo que necesita os puntos". No partido de ida disputado en Santa Mariña impúxose o Cesantes por 3-2. A cita desta xornada é o domingo en Bueu ás 16.30 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: