www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 27 de Maio de 2019

Charlas e concertos na rúa para conmemorar a Semana do Piano
Cultura • 26/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Conservatorio de Redondela organiza un intenso programa musical cun protagonista indiscutible: o piano. Durante toda a semana realizaranse charlas e concertos en torno a este instrumento dentro dunha programación que rematará o venres cunha actuación no Multiúsos a cargo dos redondeláns Noemí Salomón e Alberto Vilas. Con esta actividade quérese celebrar a recente adquisición dun piano de cola para o municipio. Nace ademais con vocación de continuidade xa que o obxectivo da directora do Centro, Elisa Arias, e que esta proposta se repita todas as primaveras.


A Semana do Piano arrancaba este luns cun concerto no propio conservatorio e prolongarase ata o vindeiro venres. Hoxe martes a proposta é na rúa, instalarase un piano na Praza da Constitución e a partir das 18:00 horas os que o desexen poderán sentarse ante o instrumento e tocar algunha melodía.


O mércores día 27 de marzo a celebración trasládase ao Conservatorio Municipal, onde a artista redondelá Noemí Salomón, que recentemente vén de presentar un disco dedicado ao Mestre Vide, ofrecerá unha conferencia aberta a todo o público, na que falará da súa experiencia como artista e tamén como docente de música.


Na xornada do día 28 farase unha dobre sesión de piano na rúa. Primeiro será o quenda dos máis cativos, cun concerto ás 10:30 no que se interpretará un repertorio cheo de cancións infantís no que participarán os escolares da vila.


A partir das 12.00 horas, tocaranse as "canción de sempre", dedicadas aos nosos maiores coa presenza de persoas da terceira idade dos centros de día de Redondela.


Un concerto o venres no Multiúsos a cargo de Noemí Salomón e Alberto Vilas será o encargado de pechar esta I Semana do Piano.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: