www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Agosto de 2019

Unha sentenza a favor dun veciño de Chapela abre a porta a novas reclamacións dos expropiados da AP-9
Sociedade • 21/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Unha sentencia do Tribunal Económico Administrativo de Galicia vén de darlle a razón a Roberto Villar, un veciño de Chapela que denunciara que se lle cobrara irregularmente unha taxa de 60 euros procedente do catastro. Villar alegou que nas datas ás que a taxa facía referencia, a vivenda xa non era da súa propiedade porque o Ministerio de Fomento procedera a súa expropiación en outubro de 2014. A sentenza supón que Facenda terá agora que devolverlle os 60 euros que lle cobraron e abre a porta a que os expropiados pola AP-9 reclamen outras taxas, tanto do catastro como do IBI.


"Esta sentenza é un éxito porque supón darlle nos fociños a todos os que nos ignoraron, Fomento, Audasa ou o propio concello" e lémbralle a todos os posible afectados que esta resolución permitirá a moitos veciños recuperar cartos "tanto do catastro como do IBI".


 O famoso catastrazo chegáballe a Roberto Villar no 2017 reclamándolle a taxa de 60 euros en base a un recibo que estaría expedido no ano anterior cando a vivenda xa non era da súa propiedade porque segundo explica "estaba expropiada dende outubro de 2014 cando pasou a mans de Fomento". En base a iso sería o ministerio quen tería que facerse cargo tanto dos impostos e taxas procedentes do catastro como do propio IBI "que tamén tivemos que pagar no Concello e logo realizar os trámites para reclamar que nos devolveran os cartos".


Ante a falta de resposta da administración Villar decidiu recorrer ao Tribunal Económico de Galicia "unha loita que lle supuxo moito esforzo xa que para presentar esta reclamación tiven que realizar un longo expediente de trinta páxinas o que supuxo moitas noites sen durmir lendo leis, informándome e redactando un expediente para demostrar que tiña razón e que se estaba cometendo unha inxustiza".


De feito insiste Villar en que o de menos son os 60 euros que vai recuperar con esta sentenza "o máis importante é que como cidadáns non podemos permitir que nos tomen o pelo, temos que loitar contra as inxustizas que se comenten dende as administracións".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: