www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Abril de 2019

Alumnos de Soutomaior plantan bidueiros no río Verdugo
Sociedade • 18/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A iniciativa, que permitiu a plantación de máis dun cento de bidueiros así como maceiras e castiñeiros, pretende concienciar aos pequenos no respecto ao medio ambiente e fomentar os hábitos de dieta saudable asociados ao deporte. A plantación tivo lugar na contorna do campo do Salgueirón e a Xunqueira de Arcade. Unha iniciativa que contou coa colaboración do Concello e a comunidade de montes da Devesa.


Ademais de supor unha acción de concienciación ambiental, a iniciativa tiña como obxectivo o achegar varios ensinos aos pequenos. En primeiro lugar, estaba a de pór en valor os recursos ambientais do municipio e fomentar o seu coidado por parte dos alumnos, como a contorna do río Verdugo e a área protexida da Xunqueira de Arcade. Para iso, os pequenos plantaron dúas decenas de bidueiros como exemplo de árbore autóctona e propio das ribeiras dos ríos.


A continuación, os mozos realizaron outra plantación na contorna do campo de fútbol de Salgueirón. Nesta ocasión optouse por plantar case 60 novas maceiras para fomentar os hábitos de dieta saudable asociados ás prácticas deportivas. Ademais, ao tratarse dunha variedade de árbore que non alcanza moita altura, as maceiras contribuirán a integrar na contorna natural as liñas eléctricas que discorren xunto ao recinto.


Por último, os pequenos tamén plantaron case 30 novos castiñeiros na contorna do campo de fútbol. Esta variedade foi seleccionada como exemplo de árbore autóctona e estar asociada a unha tradición galega moi apreciada polos pequenos, o magosto.


O alcalde, Agustín Reguera, acompañou aos alumnos durante unha plantación de definiu como un exemplo de conciencia ecolóxica e ambiental.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: