www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Xullo de 2019

A gaita de Susana Seivane porá ritmo a XVIII Festa da Cacheira de Pazos
Sociedade • 15/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A popular gaiteira será a encargada de ler o pregón na festa gastronómica da cacheira que se celebra este domingo en Pazos de Borbén. Unha cita festiva na que se prevé servir unhas 2.000 racións deste prato e na que se espera a presenza de máis de 1600 comensais. Para maior comodidade dos asistentes, as celebracións terán como escenario o pavillón municipal de deportes e os seus arredores.


Os hostaleiros de Pazos de Borbén son os encargados de preparar un produto que se servirá como manda a tradición: cocida e en lascas, con acompañamento de chourizo e grelos. Para a súa elaboración serán necesarios máis de 1000 quilos de cabeza de porco, 900 de grelos e 250 de chourizo. Como en anteriores edicións, o prato poderase degustar no recinto da festa ou levarllo para consumir en casa a un prezo máis económico.


A organización confía en repetir o éxito de edicións anteriores e traballan xa para ter todo listo para unha festa que arrancará ás 11:30 horas coa charanga Vai de baile e que contará tamén coa música da Charanga de Cepeda.


A música Susana Seivane será a encargada do pregón ás 13:30 horas e a continuación interpretará unhas animadas pezas a ritmo de gaita.


Despois de comer, haberá música en directo e inchables para os máis pequenos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: