www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Xullo de 2019

A oposición rexeita o convenio para a xestión das prazas residenciais no Centro de día de Cesantes
Política • 12/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local non foi quen de convencer aos grupos da oposición para que apoiaran a súa proposta de convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, unha proposta que buscaba garantir que dez das 21 prazas residenciais existentes no centro foran empregadas por usuarios dos Servizos Sociais de Redondela. A oposición critica que en base a dito convenio o concello tería que pagar 180.000 euros "que deberían ser financiados pola Xunta que é quen ten competencia nesta materia" e que non exista unha ordenanza que regule nin o prezo nin o acceso dos usuarios a ditas prazas.


Os grupos da oposición votaron en contra do convenio presentado polo PP polas numerosas lagoas existentes en torno á xestión das dez prazas que estarían reservadas a usuarios dos Servizos Sociais de Redondela pero que, non necesariamente, terían que ser veciños do concello.


Reclamaba o edil non adscrito Enrique Fojo que "dalgún xeito debería garantirse que esas prazas foran ocupadas por veciños do concello".  Dende o BNG reclaman que previamente a asinar o convenio se coñezan os regulamentos que determinan como acceder a ditas prazas e cales son os prezos que terían que abonar os usuarios. Tamén insistía Xoán Carlos González no feito de que incluso cando as prazas non estiveran ocupadas o concello tería que abonar o 40% do seu custe.


Dende AER votaron tamén en contra por entender que o concello non debería ter que asumir un custe que "é competencia da Xunta de Galicia" e dende o PSOE se reclama que "xa que serán os veciños de Redondela son os que cos seus impostos terán que pagar parte do servizo, deberían ter prioridade á hora de acceder ao mesmo".


Apuntaba Carmen Amoedo que "non se pode discriminar ás persoas por empadroamento porque iso non é legal". Malia a petición da oposición para que o Convenio quedara sobre a mesa o goberno decidiu seguir adiante cunha votación que non logrou o apoio necesario para aprobar o documento.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: