www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Setembro de 2019

Mulleres do mundo asociativo e deportivo acompañan a Digna Rivas na candidatura socialista
Política • 11/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A cabeza de lista á alcaldía polo PSOE deu a coñecer ás mulleres que á acompañarán nos nove primeiros postos da candidatura para as vindeiras municipais de maio. María Castro Abal da ANPA Santa Mariña ocupa o número tres, a directora da escola infantil Carrusel , Marta Alonso, ocupa o número cinco e completan eses primeiros postos a delegada do Club Balonmán de Chapela, Olga María García Ballesteros e Iria Vilaboa, veciña de Vilar vincula ao movemento veciñal.


"Mulleres vinculadas ao mundo asociativo e absolutamente comprometidas e convencidas da necesidade dun cambio que faga de Redondela un municipio socialmente máis xusto, solidario e igualitario", así definiu a candidata socialista, Digna Rivas, ás catro mulleres que a acompañarán na candidatura ás vindeiras municipais do mes de maio.


Digna Rivas salientou o feito de que todas elas son traballadoras en activo "que entenden a política como unha vocación de servizo á cidadanía e como un medio de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas".


No número tres da lista que lideraRivas atopamos a María Castro Abal (Redondela), traballadora da administración pública e membro da ANPA do CEIP de Santa Mariña. O número cinco será para Marta Alonso Domínguez (Redondela), directora de escola infantil. Olga María García Ballesteros (Chapela), delegada e tesoureira do Club Balonmán Chapela e compoñente da ANPA do CEIP de Laredo, ocupará o número sete de lista do PSdeG-Redondela. Pola súa banda, no número nove, figura Iria Vilaboa Álvarez (Vilar), muller estreitamente vinculada ao movemento cultural e veciñal.


Digna Rivas, subliñou o seu convencemento de que as mulleres teñen que ser "as grandes transformadoras da sociedade" nunha loita, que dixo, é de "todas e todos somos imprescindibles" e fixo referencia tamén ao pasado 8 de mazo no que "vivimos unha nova xornada histórica na que as mulleres demos un novo paso para acadar unha sociedade máis xusta, máis decente e máis igualitaria".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: