www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Marzo de 2019

Máis de 500 rapaces participarán en Redondela no Campionato XogaJudo de benxamíns
Deporte • 7/03/2019
Autor: Ana Prieto

Un total de 515 deportistas participarán o sábado, día 9, nunha proba de judo peretencente á segunda fase do programa XogaJudo que se celebra no pavillón municipal da Marisma. Son judokas pertencentes a 52 clubes e escolas deportivas de toda a provincia de Pontevedra e da área de Santiago, entre eles uns 20 benxamíns das escolas de Redondela.


Na presentación celebrada onte en Redondela, o concelleiro de Deportes, Julio Mougán, agradeceu a confianza da Federación de Judo e a Xunta de Galicia ao elexir este municipio para celebrar o evento. O presidente da Federación, Mario Muzas, explicou que a xornada do sábado dividirase en dúas quendas, xa que son máis de 500 os judokas participantes. Falou dos obxectivos deste tipo de eventos, que pasan pola "educación e a formación", ao tempo que lles achega aos deportistas "unha importante experiencia". A actividade está pensada "como un xogo no que todos gañan e ninguén perde". Daniel Benavides, responsable provincial de Deportes da Xunta, afondou na idea dos valores que transmite o Judo, e que serven para superarse día a día "no deporte e na vida" . En Redondela son xa uns 40 nenos e nenas os que practican Judo grazas ás escolas deportivas postas en marcha. Uns 20 deles, os da categoría benxamín, participan no evento deste sábado. Unha boa nova, segundo o alcalde Javier Bas, que axuda a "diversificar a oferta deportiva en Redondela". A xornada desenvolverase no Pavillón Municipal da Marisma, en Redondela, en dúas quendas, en horario de 10:30 e 12.00 horas. A organización deste evento deportivo corre a cargo do Concello de Redondela, da Secretaría Xeral para o Deporte e da Federación Galega de Judo E.D.A.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: