www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 25 de Maio de 2019

A Concelleira da Muller, Teresa París, rexeita unha lectura partidista da folga do 8M
Política • 5/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellería salienta o traballo en defensa da igualdade que se está a facer dende o concello e que nestes días se concreta nunha serie de actividades que serven para conmemorar o Día 8 de marzo, Día Internacional da Muller con actos institucionais no propio día, unha carreira popular o domingo e diferentes propostas culturais e formativas. En canto a folga do 8M entende París que malia que "un paro destas características pode axudar a dar visibilidade á loita polas mulleres" defende que o Partido Popular do que forma parte non apoie a convocatoria por "tratarse dunha folga de mulleres que non debe ser politizada".


"Entendemos que a folga do 8M é unha folga de mulleres e como partido políticos non temos porque apoiala ou non, porque se o facemos estariamos politizándoa" así o explica a concelleira ao tempo que anima a todos os veciños a participar dos actos que o seu departamento organiza o propio 8 de marzo co gallo da celebración do Día da Muller.


Na propia xornada terá lugar ás portas do Concello a tradicional lectura institucional ás 12:00 do mediodía que contará coa intervención dos grupos de pandereteiras de Redondela.


Na fin de semana o teatro será protagonista con dúas obras no Multiúsos da Xunqueira ás 20:00 horas, o sábado coa obra "Bernarda" e o domingo con "O Ferro".


Con todo, unha das actividades principais será unha carreira popular o domingo 10 organizada conxuntamente dende as concellería de Muller e de Deportes en colaboración co Club de Atletismo de Redondela (CAR).


Unha carreira que quere ser tamén unha reivindicación de que "as mulleres temos dereito a facer deporte sen sentir medo" ao tempo que unha homenaxe a laura Luelmo, a moza de 26 anos que fora asasinada por un home cando saíra a practicar deporte.


A actividade consistirá nun percorrido urbano de 3km e na que poderán participar até 300 persoas, con inscrición previa na web do concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: