www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Marzo de 2019

Redondela celebra este domingo o desfile de comparsas e a queima do Meco
Cultura • 5/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Intensa programación de Carnaval a que nos depara o vindeiro domingo día 10 de marzo, xornada na que se celebrará pola mañá o desfile de comparsas e xa pola tarde a queima do Meco "sempre e cando o tempo o permita" engade prudente a concelleira de eventos, Angela Antón. Mantense o concurso de disfraces, a animación infantil e a animación musical que arrancará ás 16:30 horas.


Dende o departamento de eventos animan aos veciños a participar desas actividades que tiveron que ser adiadas por mor do mal tempo e que confían congregar a centos de persoas "tal e como xa sucedera o no pasado, cando a mala meteoroloxía tamén nos obrigou a trasladar a programación do entroido" explica Angela Antón.


Nesta ocasión cadrar a programación foi un pouco máis complicado ao celebrarse tamén o domingo a Carreira da Muller ás 10:30 horas. Será xusto cando acabe esta proba deportiva cando as 23 comparsas inscritas saian dende o Convento de Vilavella en dirección ao campo da Feira. Máis de 1300 persoas formarán parte deste desfile no que non faltará a música, o ritmo e a vistosa cor dos disfraces e as carrozas.


Xa pola tarde desenvolveranse as actividades previstas para o martes de entroido e que tamén foron adiadas. Así, será a partir das 16:30 horas cando teñan lugar os diferentes obradoiros infantís na praza do Concello e xa as cinco o tradicional concurso de disfraces no que poderán participar todos os que o desexen apuntándose no momento no propio concello. "O Dragón de luz" protagonizará o espectáculo previo á Queima do Meco, prevista para as 20:00 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: