www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Xullo de 2019

A oposición fala de actitude caprichosa de Bas e o PP acusa aos socialistas de querer censurar o pleno
Política • 1/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O PP acusa ao PSOE de antidemocrático por querer censurar a moción de reprobación de Carmela Silva e os responsabilizan de que o alcalde Javier Bas tivera que levantar o pleno de onte logo de que o secretario, ante un recurso presentado polos socialistas, aconsellase aplicar de xeito restritivo o Regulamento Orgánico do Concello. Os socialistas negan ningún tipo de censura e insisten en que a súa petición de retirar a moción responde ás posibles implicacións xurídicas ao atentar a honra da presidenta de Deputación. O BNG fala de actitude caprichosa e antidemocrática do alcalde" mentres que AER entende que a situación vivida onte se tería evitado modificando o Regulamento do Concello tal e como veñen pedindo dende hai anos.


Visións opostas do acontecido no último pleno municipal que se levantaba antes de tempo ao retirar o alcalde as mocións pendentes de debate. Os populares responsabilizan ao PSOE, e máis concretamente a súa candidata e concelleira, Digna Rivas, do acontecido por "intentar censurar" que se debatese a moción na que se pedía a reprobación de Carmela Silva. Engaden que "foi esa petición do PSOE para que o secretario se posicionase en torno a dita moción a que derivou en que se rompese un acordo tácito en Redondela de debater todo tipo de propostas".


Pola súa banda, a oposición critica a Bas por retirar as mocións do pleno nunha "actitude caprichosa e antidemocrática" en palabras de Xoán Carlos González do BNG quen afirma que a intención do alcalde era "sabotear a soberanía do pleno e impedir que se debatan cuestións de relevancia para a cidadanía".


Unha opinión que comparte o edil non adscrito Enrique Fojo quen apuntaba que a decisión de retirar as mocións "demostra que o que lles importaba era a función de teatro que tiñan pensado interpretar atacando a Carmela Silva e non os problemas de Redondela".


Os edís de AER, malia non levantarse do pleno, si entenden que se debería ter continuado co debate porque había mocións relevantes. Afirman que o acontecido responde a negativa dos grupos a modificar o Regulamento Orgánico do Concello (ROC) tal e como eles veñen demandando dende hai anos.


Finalmente, para os socialistas a decisión de non continuar co debate responde "a incapacidade de Javier Bas de conducir o pleno" e insisten en que o seu interese por non debater a moción de reprobación a Carmela Silva radica en que se atenta a súa honra o que podería ter consecuencias xudiciais para o concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: