www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Marzo de 2019

A oposición abandona o pleno tras retirar Javier Bas as mocións da orde do día
Política • 1/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A moción presentada polo PP para solicitar a reprobación da presidenta de Deputación, Carmela Silva tivo onte unhas consecuencias inesperadas. Logo de que a socialista Digna Rivas presentara un recurso solicitando que se retirase ese punto por entender que se atentaba a honra de Silva o que podería ter consecuencias legais para o concello, o alcalde solicitaba ao Secretario que se posicionara ao respecto. O funcionario explicaba que efectivamente a moción sobre a presidenta da Deputación non procedía do mesmo xeito que tampouco o resto das mocións presentadas porque "non son de competencia municipal ou son meramente rogos". Javier Bas decidía retirar todas as mocións, decisión non compartida polo resto dos grupos. PSOE, BNG e o edil non adscrito abandonaban o pleno que acababa así de xeito prematuro.


A moción presentada polos populares en torno a reprobación de Carmela Silva pola súa suposta responsabilidade no caso do enchufe da súa cuñada foi o punto de inicio dun conflito que rematou cos grupos da oposición levantándose do pleno.


O secretario explicaba que o artigo 18 do regulamento orgánico ten que versar sobre cuestións municipais polo que a moción presentada polo PP non tiña cabida no debate ao non estar vinculada á xestión pública. Con todo, a súa intervención non remataba aí xa que engadía o secretario que "tampouco habería lugar a debater o resto das mocións por non estar relacionadas con competencias municipais ou tratarse de rogos polo que recomendo que se retiren todas elas". Explicaba tamén que ata o de agora se fixera unha "interpretación flexible do regulamentos" pero que para evitar este tipo de conflitos a súa recomendación é facer unha "interpretación ríxida do mesmo"


Ante esta intervención o alcalde decidía "atendendo aos criterio do secretario" retirar todas as mocións e convocar aos grupos a unha reunión de cara ao vindeiro martes para decidir que facer a partir de agora.


Unha decisión que non compartían os grupos da oposición que instaban ao alcalde a continuar co pleno retirando o moción concreta sobre Silva e mantendo o resto das presentadas, polo que PSOE, BNG e edil non adscritos decidían abandonar a sesión.


Será o martes polo tanto cando os grupos presentes na corporación decidan como abordar as cuestións que ata o de agora chegaban a pleno a través das mocións e que permitían debater de practicamente calquera cuestión.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: