www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Setembro de 2019

Redondela súmase á Asociación pola Lingua Galega entre críticas á política lingüística da Xunta
Política • 28/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Todos os grupos político presentes na corporación apoiaron a proposta do goberno local para a adhesión de Redondela a esta Asociación de Entidades locais pola lingua galega, un colectivo formado por varios concellos, como o de Pontevedra, Ourense ou Ames, que traballará por desenvolver iniciativas, actividades e materiais para fomentar o galego. Malia o acordo unánime, o debate da proposta deixou duras críticas cara a política que a Xunta está a desenvolver en torno ao idioma galego con cada vez menos falantes entre a poboación.


O BNG arrancaba o debate acusando a Xunta de poñer en marcha políticas contra o idioma galego a través do chamado decreto do plurilingüísmo que, segundo dixo, fixo caer o número de galegofalantes ata cifras preocupantes.


Tamén dende AER criticaban que cada vez sexan menos os nenos que usan o galego ao non estar en igualdade de condicións o idioma "por exemplo nas escolas" e aplaudían iniciativas como esta que permiten avanzar no proceso de normalización lingüística "unha cuestión de relevancia en Redondela".


O socialista Isaac Araujo salientaba a política a favor do idioma desenvolvida no noso concello cando o PSOE presidía a alcaldía e facía unha pregunta directa ao PP "de verdade non cree que o uso do idioma retrocedeu nos últimos tempos".


Dende o PP Carmen Amoedo aseguraba que dende a Xunta sempre se realizou unha política en positivo co idioma para engadir que "Alberto Núñez Feijoo é un exemplo de galeguista e de defensor do galego". Concluía a súa intervención insistindo en que "galego e castelán teñen que convivir e non podemos apoiar as políticas que se van aos extremos, tampouco en cuestións idiomáticas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: