www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Novembro de 2019

Unha glorieta e semáforos mellorarán a seguridade na Avenida Mendiño
Institucional • 26/02/2019
Autor: Lorena Otero

A remodelación integral desta vía tamén suporá a ampliación de beirarrúas, pasos de peóns elevados e a substitución da iluminación e o mobiliario. Un proxecto que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nunha zona na que se concentran centros educativos, polideportivo e o centro de saúde. Conta cun prazo de execución de doce meses e un orzamento de preto de 1,6 millóns de euros. Prevese que os traballos comecen este verán. A conselleira Ethel Vázquez aproveitaba a súa visita a Redondela para pedir que se cumpra o compromiso da eliminación da peaxe en Rande.


A remodelación da Avenida Mendiño realizarase nun tramo dun quilómetro entre o cruce coa estrada nacional até o peirao de Cesantes. O primeiro treito, até o centro de saúde, sufrirá o maior cambio coa construción dunha rotonda, a instalación de dous semáforos e a ampliación das beirarrúas con acabados en granito. Tamén se sobreelevarán os pasos de peóns e se substituirán a iluminación e o mobiliario urbano, así como as canalizacións do abastecemento e saneamento.


Neste tramo da PO-363 tamén se reordenarán os cruces e se habilitarán os cambios de sentido necesarios no centro de saúde e centros educativos. Unha obra que suporá a reordenación do aparcadoiro que verá reducido o número de prazas de estacionamento. Tamén se eliminarán as árbores da marxe próxima ao río que serán substituídas por outras especies que non deterioren o firme.


No segundo tramo, dende o centro de saúde até o porto de Cesantes, estenderase unha capa de rodadura, melloraranse as interseccións e colocarase nova sinalización horizontal.


A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacaba na presentación do proxecto, xunto ao delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, que esta actuación de seguridade viaria e renovación urbana optimizará a circulación e o acceso a múltiples servizos públicos que se atopan na contorna.


O alcalde agradecía a implicación da Xunta e facía fincapé na importancia da obra para proporcionar máis seguridade aos alumnos e peóns que fan uso deste espazo no que existe unha elevada concentración de tráfico.


O proxecto, que está redactado e pendente de supervisión e aprobación, conta cun orzamento de 1.586.903,59 de euros que será cofinanciado entre concello e Xunta. O prazo de execución é de doce meses e o goberno galego prevé licitar a obra este verán.


Compromiso eliminación peaxe en Rande


A conselleira de Infraestruturas aproveitaba a súa visita a Redondela para pedir que se cumpra o compromiso do goberno central de suprimir a peaxe en Rande. Ethel Vázquez apuntaba que se trata dunha reivindicación “xusta e lexítima para paliar ese agravio que existe con Galicia" e anunciaba que unha das condicións que recolle a proposta de transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia e a liberalización da peaxe da AP-9 ao seu paso por Rande.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: